O BNG pide que se rehabilite a fonte dos Cabalos e se protexa o conxunto de acceso á Feira Nova

Imaxe habitual da fonte dos cabalos
Imaxe habitual da fonte dos cabalos
O BNG pide que se rehabilite a fonte dos Cabalos e se protexa o conxunto de acceso á Feira Nova

Imaxe habitual da fonte dos cabalos

Suxiren sinalizar antes da ponte do Carregal que o paso non é apto para vehículos de gran tamaño a fin de evitar máis danos no conxunto. “Un ben coma este, unha fonte neoclásica de 150 anos, conservado debidamente, aportaría ao seu entorno moito máis que o estacionamento indebido que o goberno do PSOE tolera nesa zona para perigo de peóns e vehículos”

Betanzos 10 de xuño de 2016. O BNG pediu no Pleno que se rehabilite e poña en valor a Fonte dos Cabalos, no acceso á Feira Nova desde o Campo. “É una fonte que, xunto cos muros de perpiaño que a rodean, foi construída á par que a do Campo e que o campo da Feira Nova, actual praza de Afonso IX, en 1866”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas lamentan que malia ser una construción que ronda os 150 anos e que polo tanto é susceptíbel de ser un ben patrimonial inventariado, carece de calquera tipo de protección. Aínda a peor, advirten que o executivo local a mantén rodeada de colectores de lixo e vehículos mal estacionados, mesmo “coa propia fonte convertida en papeleira”.

“Un ben deste tipo, conservado debidamente, aportaría ao seu entorno moito máis que o estacionamento indebido que o goberno do PSOE tolera nesa zona para perigo de peóns e vehículos” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Por este motivo, demandaron no Pleno que se rehabilite e poña en valor esta fonte de traza neoclásica de 1866.

Ademais, desde o BNG preguntaron ao goberno local polo motivo polo que non se executou “o proxecto para recuperar a fonte dos cabalos que segundo o web municipal existe no Concello desde 2011”.

Melloras na seguridade viaria na zona

Os muros que rodean a fonte, da mesma época e autoría, foron parcialmente derrubados por dous vehículos de grandes dimensións que bateron neles nas últimas semanas. Por este motivo, o BNG tamén demandou do PSOE que aclare “concretamente cal é a `reestruturación’ que van levar nesta zona, segundo anunciaron nos medios de comunicación” e se esta vai afectar á traza orixinal do acceso ao campo da Feira Nova.

Neste sentido, as nacionalistas propuxeron ao goberno local que sinalice ao longo da avenida do Carregal o desvío para vehículos pesados para evitar que acaben neste punto por seguir un GPS e non advertir deste estreitamento. “O conxunto da fonte dos cabalos e o acceso á feira nova é un elemento singular na nosa cidade e sería unha magoa que desaparecese ou fose parcialmente derrubado” explican.