O BNG pide ao pleno de Betanzos que se posicione contra o copago farmacéutico

Os voceiros do BNG no Concello e no Parlamento de Galiza, Henrique del Río e Francisco Jorquera
O BNG pide ao pleno de Betanzos que se posicione contra o copago farmacéutico

O BNG presentou iniciativas contra o copago no Concello e no Congreso. Na foto, os voceiros do BNG en ambas institucións, Del Río e Jorquera.

"Pedimos que se compense esta medida tan lesiva evitando que as persoas pensionistas vexan reducidas as súas pensións polo feito de ter enfermidades".

Betanzos, 27 de agosto de 2012. O BNG propoñerá no Pleno que se celebra mañá que o Concello reclame á Xunta que redacte unha normativa propia, en virtude das competencias sanitarias que ten atribuídas, para que reducir o impacto do copago farmacéutico para os pensionistas. “Xa que o PP de Feijóo decidiu adiantar as eleccións sen cumprir coas obrigas que lle marcaba o Estatuto, pedirémosllo ao próximo goberno galego”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas recordan que o copago farmacéutico non se impuxo igual en todo o Estado porque algunhas comunidades autónomas elaboraron normativas propias grazas ás competencias que teñen atribuídas. “O que pedimos é que se compense esta medida tan lesiva evitando que as persoas pensionistas vexan reducidas as súas pensións polo feito de ter enfermidades”, explica o voceiro do BNG, “non nos parece xusto que se lles obrigue a pagar o déficit do Estado, que non causaron, ou o rescate á banca privada”, explica o voceiro do BNG.

Son máis de 725 000 os pensionistas afectados polo copago

O BNG cifra en máis de 725 000 os pensionistas afectados polo copago farmacéutico e asegura que tamén “aumenta a achega de centos de miles de persoas activas”. Os nacionalistas aseguran que “o copago farmacéutico é un sistema inxusto e insolvente que deixa fóra de financiamento medicamentos fundamentais que non teñen alternativa en Galiza, nin nas farmacias nin nas distribuidoras”. A modo de exemplo, desde o BNG advirten do feito de que “persoas con tratamentos crónicos deixaron de retirar a súa medicación pola imposición deste copago”.

Desde o BNG aseguran, ademais, que “pensionistas con persoas que dependen da súa cartilla, teñen que soportar un duplo ou triplo tope de 8 ou 18 euros” e que tamén “existen reclamacións sobre as novas porcentaxes aplicadas a persoas activas que merecen a desatención do SERGAS e obrigando ás persoas doentes a que reclamen na Seguridade Social”.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, advertiu que “para xustificar este copago o PP quérennos facer crer que con estes cartos vanse abrir novos centros sanitarios, pero a realidade é que están a vender a ilusión de novos centros de saúde cando estes cartos non se invisten en servizos públicos senón que se van empregar en reducir o déficit causado pola nacionalización da débeda dos bancos”.

Del Río asegurou que “o Goberno galego ten as mesmas competencias que outras comunidades e a mesma capacidade para evitarlle ás persoas enfermas e pensionistas este recorte dos seus ingresos, pero o goberno do PP na Xunta toma a decisión de non facelo, para non ser un problema para Madrid”. Con esta actitude, advirte, “o PP prefire ser un problema para as persoas pensionistas de Galiza” e asegura que “a sanidade debe ser un elemento de redistribución de riqueza, pública e universal e que pode ser financiada suficientemente coa recadación dos impostos”.

O BNG pide ao pleno de Betanzos que se posicione contra o copago farmacéutico