O BNG pide que se amañen as deficiencias do centro de saúde

Pingueiras no vestíbulo do centro de saúde
Pingueiras no vestíbulo do centro de saúde
O BNG pide que se amañen as deficiencias do centro de saúde

O acceso ao centro de saúde é complicado para persoas con mobilidade reducida. Propomos reservarlles estacionamento na praza

“Pensamos que o investimento en saúde é básico e que chegamos a esta situación por culpa dos recortes, tanto en infraestruturas como en persoal que fan que a calidade do servizo se resinta”

Betanzos, 13 de febreiro de 2015. O BNG levará ao Parlamento as queixas das persoas que acuden a diario ao centro de saúde de Betanzos. “A veciñanza trasladounos as súas queixas sobre o estado no que se atopa o centro de saúde, nomeadamente das goteiras na entrada”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Segundo o voceiro nacionalista, as queixas recibidas pola formación frontista inclúen tamén o estado das fiestras do centro de saúde, cos vinilos que protexen os corredores do sol medio desprendidos. “E xa foran un apaño no seu día porque o goberno do PP non pensara en que no Carregal cae o sol a plomo”, recorda o edil do BNG.

Tamén hai queixas polo mantemento dun corredor exterior e mais unha beirarrúa exterior do edificio, ambos de madeira. “Están cheos de limo e póñense esvaradizos en canto caen catro pingas”, resumiu graficamente o nacionalista.

“Son catro amaños mínimos, cun custo moi modesto, e mellorarían de xeito notábel a comodidade do centro de saúde”, explica o nacionalista. “Son amaños mínimos pero indispensábeis para manter en condicións un edificio dedicado a un servizo básico como é a saúde”, engade. “Pensamos que o investimento en saúde é básico e que chegamos a esta situación por culpa dos recortes, tanto en infraestruturas como en persoal que fan que a calidade do servizo se resinta” abundou.

Regular un acceso para as persoas con dificultades de movemento

Pingueiras no vestíbulo do centro de saúde

As queixas inciden tamén en que o centro de saúde conta con accesos que son moi complicados para persoas en cadeiras de rodas ou con carros de crianzas. “Mesmo hai xente que trasladou as súas queixas á Xunta e anos despois segue sen ter resposta” explicou Del Río. “É certo que hai rampla de acceso á praza peonil de diante do ambulatorio, pero tal e como ten postas as portas unha persoa en cadeira de rodas ou unha persoa cun carro de bebé non pode abrilas e pasar ao centro de saúde”, engadiu. Advirten que isto complícase os días de choiva xa que a porta, ademais, non conta cun aleiro para gorecerse mentres a xente entra ou sae do centro de saúde.

“Ademais, tal e como está o estacionamento obrigas ás persoas con problemas de mobilidade a dar un rodeo para acceder á praza diante do centro de saúde pola rampla”, abunda. “Isto tería fácil solución se a Xunta fixese un acceso para coches á explanada para que as persoas con dificultades de movemento poidan quedar o máis cerca posíbel da porta de acceso e estacionar alí os seus vehículos” explica. “O que xa están a facer algúns usuarios pola vía dos feitos que sexa un dereito para as persoas que teñen máis dificultades para moverse”, conclúe.