O BNG pediu á Xunta que complete a reforma do Vales Villamarín e amplíe o comedor

Amelia Sánchez: “A día de hoxe, o comedor do centro de referencia atende a máis de 200 alumnos e alumnas, cando está pensado para dar servizo a 80. En consecuencia, o alumnado debe xantar en dúas quendas, o que condiciona fortemente a prestación do servizo e a calidade do mesmo. Por tanto, faise necesaria unha ampliación e mellora das instalacións do comedor do centro”

O BNG pediu á Xunta que complete a reforma do Vales Villamarín e amplíe o comedor

Betanzos, 17 de abril de 2023.- O BNG pediu á Xunta que complete a reforma pendente nun dos bloques do CEIP Vales Villamarín de Betanzos, así como que amplíe e mellore as instalacións do comedor do centro para garantir a calidade educativa en condicións de equidade para a totalidade do alumnado.

“O CEIP Francisco Vales Villamarín conta con 31 aulas de Primaria e 11 de Infantil e atende ao redor de 900 alumnos e alumnas, o que o converte nun dos maiores centros educativos de Galiza. O centro recolle alumnado dos concellos de Betanzos, Paderne e Coirós, que se distribúen en dous edificios separados por máis de 300 metros de distancia: o aulario (onde se albergan as alumnas e alumnos de infantil) e o centro de referencia”, explicou a candidata á alcaldía do BNG Amelia Sánchez. 

“Hai uns anos, a Xunta de Galiza levou a cabo unha primeira reforma dun dos bloques do edificio, mais deixou pendente a rehabilitación do outro dos bloques, precisamente o máis frío e sombrizo”, indicou Sánchez

“O centro está a celebrar o seu 50 aniversario neste curso académico 2022-23 e conta cos problemas infraestruturais propios dun centro desa antigüidade. Requírese unha mellora da fachada e do illamento térmico do edificio, un cambio nas xanelas, melloras na iluminación e nas dotacións do centro e a ampliación do comedor”, engadiu Mercedes Queixas, deputada do BNG que trasladou varias iniciativas ao Parlamento de Galiza reclamando á Xunta estas melloras. 

Necesidade da ampliación do comedor

“Mención á parte merece a situación do comedor. A día de hoxe, o comedor do centro de referencia atende a máis de 200 alumnos e alumnas, cando está pensado para dar servizo a 80. En consecuencia, o alumnado debe xantar en dúas quendas, o que condiciona fortemente a prestación do servizo e a calidade do mesmo. Por tanto, faise necesaria unha ampliación e mellora das instalacións do comedor do centro”, concluíu a candidata á alcaldía do BNG. 

O BNG pediu á Xunta que complete a reforma do Vales Villamarín e amplíe o comedor