O BNG oponse ao convenio do aparcamento do Campo que só beneficia a empresa concesionaria

Saída do estacionamento soterrado do Campo
O BNG oponse ao convenio do aparcamento do Campo que só beneficia a empresa concesionaria

Saída do estacionamento soterrado do Campo

“O convenio é inxusto socialmente porque paga os 20 minutos a quen pode pagalos e a quen non, págalle igual o estacionamento a Amancio Ortega e a quen non dá feito números para chegar a fin de mes”.

“O Concello obrígase a pagar 7200 euros ao ano a unha empresa que debía estar pagandolle anualmente 6000 euros ao Concello, non só o Concello non saca nada de que unha empresa explote a praza do Campo senón que aínda encima imos ter que pagarlle por facelo”.

Betanzos, 29 de outubro de 2014. O BNG votou en contra do convenio proposto polo PSOE para que o Concello pague con cartos públicos 20 minutos a todas as persoas que aparquen no estacionamento soterrado do Campo. “É inxusto socialmente porque paga os 20 minutos a quen pode pagalos e a quen non”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Cubre do mesmo xeito a Amancio Ortega se aparca 19 minutos todos os días no Campo que a quen non dá feito números para chegar a fin de mes”, insistiu.

“Ademais é inxusto socialmente para os barrios e parroquias do concello, porque a ver como fai unha persoa para aparcar no Campo, ir a un comercio na Ribeira e volver ao Campo en menos de 20 minutos”, engadiu. “É inxusto porque a veciñanza dos barrios ou do rural vai pagar dos seus impostos algo do que non se vai beneficiar”, explicou o edil do BNG. “Os 20 minutos nin chegan para ir a resolver un asunto ao Concello como haxa cola e iso que está xusto enriba do estacionamento”, ironizou.

O BNG insiste en que se o goberno local busca medidas para beneficiar ao comercio local hai outras decisións máis acertadas e sen destinar fondos públicos a elas. “Supriman a zona azul da ORA, que total non dá un peso para o Concello, e instalen un sistema gratuíto de rotación do aparcamento e así haberá estacionamento e cartos para o comercio nos petos da veciñanza” engadiu Del Río.

O Concello paga os 20 minutos a quen pode pagalos e a quen non, págalle igual o estacionamento a Amancio Ortega e a quen non dá feito números para chegar a fin de mes

Os nacionalistas denuncian, ademais, que a medida supoñerá “unha subvención a unha empresa privada que tería que pagar ao Concello por explotar o estacionamento soterrado”. “Segundo o convenio o Concello pagará 600 euros ao mes por adiantado e cada tres meses axustará as contas, o que quere dicir que de entrada imos darlle 7200 euros á concesionaria e logo a ver que pasa”, explica Del Río.

O Concello obrígase a pagar 7200 euros ao ano a unha empresa que debía estar pagandolle anualmente 6000 euros ao Concello, non só o Concello non saca nada de que unha empresa explote a praza do Campo senón que aínda encima imos ter que pagarlle por facelo

Desde o BNG recordan que “o canon que tería que estar pagando a empresa é de 6000 euros, pero condonóuselle até 2029 por unhas obras realizadas no aparcamento”. “De forma que non só o Concello non saca nada de que unha empresa explote a praza do Campo senón que aínda encima imos ter que pagarlle por facelo!”, engade o voceiro do BNG.

“O que xa é o colmo é que o goberno do PSOE minta nun comunicado público do Concello dicindo que a medida vai custar 6600 euros cando o convenio obriga a pagar por anticipado 7200 e logo revisalo en función das cifras de uso que vai pasar a propia empresa”, engaden os nacionalistas. “O propio PSOE recoñece que no último trimestre vencido o custo iríase xa aos 6450 euros”, denuncian.

Ocorrencia electoralista sen reflexo no orzamento

Desde o BNG advirten, ademais, de que non hai ningunha partida destinada a pagar este convenio no orzamento aprobado hai apenas dous meses polo PSOE “clandestinamente na xunta de goberno local”. “A partida contra a que se pretende pagar non existe nas contas, polo tanto haberá que modificar o orzamento cando se reciban as facturas deste convenio para poder pagalos”, explica Del Río. “Isto demostra que o convenio non é, nin máis nin menos que unha ocorrencia electoralista do PSOE da que se acordaron agora para facer campaña electoral a costa dos cartos que tiñan que financiar servizos públicos para toda a veciñanza”, conclúe o voceiro nacionalista.

O BNG oponse ao convenio do aparcamento do Campo que só beneficia a empresa concesionaria