O BNG non participa no acto hipócrita de PP e PSOE polo día contra a violencia machista

O BNG non participa no acto hipócrita de PP e PSOE polo día contra a violencia machista

revirateDel Río: “Mentres defendiamos ampliar a 18 meses o salario da liberdade e crear xulgados específicos contra a violencia machista, o goberno do PSOE defendía como toda medida para erradicar a violencia machista que o Consorcio das Mariñas edite un panfleto e unha pegatina para colocar ás portas dos edificios públicos”.

Betanzos, 25 de novembro de 2013. O BNG non acudiu esta mañá ao acto institucional organizado polo goberno local do PSOE con motivo do día contra a violencia machista. “Non imos avalar coa nosa presenza o exercicio de cinismo do PSOE e o PP, que hoxe fan unha pantomima teatral contra a violencia de xénero porque é o día de facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Violencia de xénero tamén é a opinión de Castelao Bragaña (que afirmou que “as leis, como as mulleres, están para violalas”) e aínda o PP non o expulsou”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Polo tanto, até que o PP expulse a este individuo non podemos compartir ningún acto sobre violencia machista co PP”, salientou.

“O BNG non pode participar da farsa hipócrita de quen ten a obriga de defender os dereitos das mulleres e non o fai”, advertiu o edil nacionalista. “Ao goberno local do PSOE éncheselle a boca falando de igualdade tal día como hoxe, pero despois non a practica nin dentro do propio Concello”, denunciou.

O BNG presentou no Pleno do pasado mes de outubro unha moción reclamando o desenvolvemento da Lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero aprobada en 2007, que “o goberno do PP está a ignorar en moitos dos puntos que implican medidas concretas para combater este problema”. Lembrou que só no que vai de ano, a violencia machista acabou coa vida a 44 mulleres só en Galiza.

Os nacionalistas tamén propuxeron aumentar as axudas ás mulleres maltratadas, o denominado salario da liberdade, de 12 a 18 meses prorrogábel até 24 meses, medidas específicas no ámbito da formación e do emprego que facilite o acceso a un posto de traballo a este colectivo, asistencia psicolóxica ás vítimas desde a sanidade pública e, por último, xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades.

“Mentres defendiamos estas propostas, o goberno do PSOE defendía como toda medida para erradicar a violencia machista que o Consorcio das Mariñas edite un panfleto e unha pegatina para colocar ás portas dos edificios públicos” lembra o voceiro nacionalista. “E agora, de forma oportunista e hipócrita, leva unha moción idéntica á que defendimos o mes pasado porque o Pleno cadra o día despois da efeméride”, denuncia.

“Quen nada inviste nisto (o PSOE) compite con quen recurta 25 millóns de euros ao ano en políticas de igualdade (o PP) por ven quen o fai peor”, ironizou Del Río. “Iso si, despois PSOE e PP van facer unha foto e non teñen cargo de conciencia polas vítimas da violencia machista”, denuncia. “Vese que hai vítimas de primeira e de segunda, até para iso hai desigualdade”, denuncian desde o BNG.

Os nacionalistas recordan que presentaron unha emenda ao orzamento municipal aprobado polo PSOE para destinar 15 900 euros ao plan de igualdade, que non ten fondos asignados. “O PSOE negouse sequera a debatir as nosas emendas ao orzamento, a ver se agora que o alcalde anuncia un novo orzamento se lle acordan todas estas cousas que din o 25 de novembro”, ironizou Del Río.

Dar os datos do gastado nas raíñas das festas o 25 de novembro, broma macabra

“Violencia machista tamén é cultivar o estereotipo de muller-obxecto”, advirten desde o BNG. “É unha broma macabra que na véspera do día contra a violencia machista o goberno do PSOE entregue as contas das festas, que denuncian que o PSOE gastou 4710,16 € públicos para patrocinar un estereotipo machista co número da raíña das festas” asegura o voceiro do BNG. “Estes son os seus feitos por máis que lean manifestos para quedar ben cara a galería”, denuncia.

Denuncia dos micromachismos na praza do Campo

O BNG organizou o pasado sábado na praza do Campo un acto de denuncia sobre os micromachismos, maneiras sutís de machismo que continúan a darse de maneira imperceptíbel, dentro da súa campaña “Todas somos elas” de denuncia e loita contra a violencia machista. Así, os nacionalistas denunciaron que “que che controle o móbil tamén é violencia machista”, “que el cobre máis ca ti cando facedes o mesmo traballo é violencia machista” ou “a non corresponsabilización no doméstico tamén é violencia machista”.

O BNG non participa no acto hipócrita de PP e PSOE polo día contra a violencia machista