O BNG non apoiará a aprobación da conta xeral “para non dar por bo o clientelismo do PSOE”

Extracto da conta xeral de 2013. En morado, os fondos das subvencións outorgadas en concorrencia pública
Extracto da conta xeral de 2013. En morado, os fondos das subvencións outorgadas en concorrencia pública
O BNG non apoiará a aprobación da conta xeral “para non dar por bo o clientelismo do PSOE”

María Otero e Henrique del Río nun Pleno

“Dos 25 000 euros que había no orzamento para repartir entre as entidades non agraciadas polo dedazo, o PSOE aínda retira 3000 euros mentres aínda teñen 27 000 euros máis no orzamento para dar subvencións a dedo en función da súa comenencia electoral”.

Betanzos, 25 de setembro de 2014. O BNG denunciou que a conta xeral do 2013 evidencia “que o goberno do PSOE utilizou fondos públicos para facer clientelismo político”. Concretamente, os nacionalistas aseguran que a Intervención volveu a poñer reparo ao pagamento de subvencións dadas a dedo polo goberno local sen seguir ningún tipo de trámite.

“O PSOE deu a dedo todas as subvencións que quixo, tanto as que estaban previstas nas bases do orzamento de 2012 como as que quixo dar saltándose a lei”, advirte o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Sen embargo, dos fondos para dar axudas ás entidades en igualdade de oportunidades deixaron máis da metade sen adxudicar”, denuncian os nacionalistas. “Isto demostra que o PSOE prefire dar cartos públicos a dedo para vender o favor en lugar de financiar os mellores proxectos sociais en base a uns criterios obxectivos”, resume Del Río.

Extracto da conta xeral de 2013. En morado, os fondos das subvencións outorgadas en concorrencia pública

Os nacionalistas aseguran que este proceder do goberno do PSOE “é idéntico ao que o PSOE criticaba do PP”. “Se o PP asinaba convenios sen fondos e daba subvencións saltándose a lei, o PSOE fai o mesmo”, advirte Del Río. “É máis, o orzamento de 2014 prevé 126 000 euros en subvencións a dedo e as bases de execución só adxudican 98 800 a determinadas entidades”, explica. “Isto quere dicir que o PSOE reservou no orzamento aínda outros 27 000 euros para dar subvencións a dedo en función da súa comenencia electoral”, advirte.

Pero ademais o goberno do PSOE recurtou os 25 000 euros previstos no orzamento para outorgar subvencións a entidades nun procedemento aberto e en igualdade de oportunidades. “O PSOE retirou 3000 euros da cantidade que figuraba no orzamento, que xa era a quinta parte do que destina a dar subvencións a dedo aos seus elixidos”, denuncia.

“O PSOE xa non recorda cando criticaba ao PP por asinar convenios de milleiros de euros sen fondos ás portas das eleccións municipais e está a facer exactamente o mesmo”, denuncian. “Tamén criticaban a publicidade que se daba o goberno do PP ao dar estas axudas a dedo e nunha semana levan tres notas de prensa co tema”, ironiza o edil nacionalista.

“O acceso en igualdade de oportunidades ás axudas públicas é unha cuestión de calidade e hixiene democrática”, indicou o voceiro nacionalista. “Impedir ou obstaculizar o acceso aos cartos públicos é unha forma de controlar e dirixir o tecido social”, censurou.

Por este motivo, no BNG consideran que “o PSOE calca as malas artes do PP para manter controlado o tecido social”. “Non se deben acordar xa de que hai tres anos e medio criticaban o goberno do PP por facer exactamente o mesmo”, ironiza Del Río. “Queda demostrado que a crítica do PSOE tan só era porque non podían repartir eles os cartos a dedo para mercar vontades e facer clientelismo”, conclúe.

Subvencións a dedo cuestionábeis e innecesarias

Os nacionalistas insisten en que algún dos convenios asinados polo goberno local é necesario, como o da ANPA para as actividades extraescolares ou a asociación de comerciantes para dinamizar a economía local. Sen embargo, advirten que moitos outros non aportan realmente nada á veciñanza e sacan fondos de outras necesidades. Así, cuestionan que “os 10 000 euros que o PSOE recorta das axudas de emerxencia social van parar a convenios con organizacións benéficas para que suplan ao propio Concello”. Substituíndo os servizos públicos e os dereitos das persoas usuarias pola caridade e o dereito a unha prestación por simple esmola”, denuncian.

Desde o BNG cuestionan, ademais, que outra parte destas subvencións a dedo outorgadas polo PSOE vaian parar á Igrexa Católica, ben directamente ou ben a través de entidades dependentes dela. “Os novos líderes do PSOE facendo piruetas para amosarse progresistas e o PSOE de Betanzos sendo máis papista que o papa”, ironiza Del Río.

“O PSOE fai exactamente o mesmo que o PP: financiar aos que lles enchen o ollo a costa de toda a veciñanza, para facer clientelismo político ás portas das eleccións municipais”, denuncian desde o BNG.