O BNG lamenta que “a única alternativa laboral do PSOE para a mocidade sexa o exército”

O BNG lamenta que “a única alternativa laboral do PSOE para a mocidade sexa o exército”

fas“Parécenos terríbel que mentres o goberno local do PSOE non fai unha soa crítica ás prohibicións de contratar persoal no propio Concello dea por bó que se siga contratando persoal para o exército”.

Betanzos, 12 de febreiro de 2014. O BNG reclamou a retirada inmediata, tanto da web como das dependencias municipais, da publicidade que busca enrolar mozas e mozos betanceiros no exército español. “Aínda que está a ser unha saída laboral forzosa para moita xente nova que non atopa un emprego estábel no noso país, enrolarse no exército non é sumarse a unha ONG como venden os anuncios do goberno nin é un emprego senón que entraña un risco incluso para a vida dos betanceiros e betanceiras”, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Os nacionalistas denuncian que o goberno español non aplica “a austeridade que está a levarse por diante servizos públicos como o ensino ou a sanidade ou os sectores produtivos en crise do noso país”. “Parécenos terríbel que mentres o goberno local do PSOE non fai unha soa crítica ás prohibicións de contratar persoal no propio Concello, grazas á austeridade de Rajoy, dea por bó que se siga contratando persoal para o exército”, criticou Del Río. “A mocidade que se ve obrigada a enrolarse na armada podería atopar emprego nos sectores produtivos estratéxicos do noso país se os gobernos centrais, de PSOE e PP, investisen estratexicamente eses cartos en lugar de comprar armas e contratar máis soldados”.

A mocidade que se ve obrigada a enrolarse na armada podería atopar emprego nos sectores produtivos estratéxicos do noso país se os gobernos centrais, de PSOE e PP, investisen estratexicamente eses cartos en lugar de comprar armas e contratar máis soldados

“Moitas e moitos dos que recorren a esta saída atopan nela a posibilidade de alcanzar un salario fixo de aproximadamente 1.000€ mensuais, que pode medrar de participar en conflictos internacionais” explican os nacionalistas. “O goberno do PSOE está facendo traballo de proselitismo para que o estado español teña carne de canón para ir facerlle o traballo sucio aos Estados Unidos en Afganistán” denuncia o BNG. “Segundo datos oficiais case o 60% dos mortos neste tipo de misións tiña entre 18 e 22 anos, e do conxunto do Estado aproximadamente o 22% dos mortos en Afganistán eran mozos/as galegos/as e un 40% estranxeiros/as” indican. “É este o destino que o goberno local do PSOE quere para a mocidade betanceira?”, pregunta Del Río.

Desde o BNG lamentan que os mozos e mozas que sigan o chamado do goberno local do PSOE “non atoparán respecto polo dereito a existir da súa nación e o sotaque galego que se lle escapa no seu destino en Murcia”. Si atoparán, engaden, “a permanencia dos valores máis reaccionarios de xenofobia, machismo, misoxinia, odio e España única, que seguen a estar presentes no exército español e que omite a propaganda espallada polo goberno local”.

Está todo dito cando a única alternativa laboral para a mocidade que se lle ocorre ao goberno local é mandar fóra á xeneración mellor preparada da nosa historia, enviándoa ao exército aproveitando miserabelmente a crise

O voceiro do BNG, Henrique del Río, lamentou a “falta de ideas do goberno local do PSOE para buscar oportunidades de emprego para a veciñanza”. “Xa está todo dito cando a única alternativa que se lle ocorre ao goberno é mandar fóra á mocidade mellor preparada da nosa historia” lamenta o edil do BNG. “En lugar de favorecer oportunidades en torno ao Casco Histórico ou o entorno natural, manda á mocidade a unha excursión da que non se sabe se retornará aproveitándose miserabelmente da crise e a falta de perspectivas económicas para convertir a mocidade en carne de canón”, conclúe.