Demandamos pasos firmes para protexer a Fábrica da Luz tras recorrer a orde de execución Fenosa

"non observamos ningún tipo de actividade por parte do Concello encamiñada a garantir a conservación deste inmóbel"

Demandamos pasos firmes para protexer a Fábrica da Luz tras recorrer a orde de execución Fenosa

"non observamos ningún tipo de actividade por parte do Concello encamiñada a garantir a conservación deste inmóbel"

Betanzos, 30 de agosto de 2018. O BNG urxiu ao goberno local a adoptar medidas para garantir a conservación da fábrica da luz, un edificio modernista que ten catalogación provisional de monumento industrial tras anos demandando as nacionalistas a súa protección. "Temos coñecemento de que General de Edificios y solares SL, división inmobiliaria de Gas Natural Fenosa, non só incumpriu a orde de execución ditada polo goberno local senón que a ten recurrida" denunciou o voceiro do BNG, Henrique del Río, no Pleno.

Desde o BNG chaman a atención sobre o feito de que a eléctrica recorrese a orde de execución para evitar o desplome do inmoble "ao igual que recurriu a denegación da licenza de demolición do monumento industrial da Fábrica da Luz". De feito, advirten, a alcaldesa asinou unha resolución sobre este novo contencioso o pasado 22 de agosto "sen informar, sequera por teléfono, aos voceiros sobre os movementos da empresa para botar abaixo o patrimonio artístico das betanceiras".

Neste sentido, as nacionalistas lamentan que "non observamos ningún tipo de actividade por parte do Concello encamiñada a garantir a conservación deste inmóbel" unha vez que a empresa recorre a orde de execución evidenciando que non vai facer nada por conservar en pé a factoría. Por este motivo, o voceiro do BNG demandou "medidas e prazos concretos para garantir que este ben único do noso patrimonio non se perde irremediablemente mentres seguen cruzados de brazos".

Aínda en xullo o BNG insistira nesta cuestión no pleno, advertindo do "estado deplorable que presenta a fábrica da luz e do seu acelerado deterioro, sobre todo na cuberta". "Non vemos que se adopten medida ningunha para garantir a súa conservación nin limos ningún acordo do goberno local na liña de forzar á propietaria a garantir a súa conservación tras o prazo dado para actuar sobre ela" expresaban. "O goberno local non indicou que houbese ningunha outra medida prevista para garantir a conservación do inmóbel", censura Del Río. "Deben de pensar que nos sobra patrimonio, cando o certo é que esta cidade podía ter precisamente no patrimonio a súa maior fonte de riqueza e emprego", lamenta.