O BNG critica a inactividade do goberno na restitución da Casa Gótica

O BNG critica a inactividade do goberno na restitución da Casa Gótica

Unha imaxe habitual da rúa Travesa

Os nacionalistas censuran que o goberno do PSOE asegurase aos medios en xullo de 2013 que continuaba coas multas periódicas ao propietario para forzar a reconstrución do inmóbel, cando é falso.

Betanzos, 29 de xaneiro de 2014. O BNG denunciou que o goberno local do PSOE non adoptou ningún tipo de medida con respecto á Casa Gótica desde 2012. “Semella que o PSOE xa da por perdida a casa Gótica e renuncian a reconstruíla”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“En agosto de 2012 o goberno do PSOE acorda impoñer unha segunda multa de 3000 euros para tratar de forzar ao propietario a reconstruír o inmoble”, explicou. “Desde ese momento non hai nada máis no expediente”, engade. “Nin continuaron coas multas para forzar ao propietario a reconstruír a Casa Gótica nin optaron pola reconstrución subsidiaria para que o Casco Histórico recupere unha das súas xoias”, engade.

Os nacionalistas censuran que o goberno do PSOE asegurase aos medios en xullo de 2013 que continuaba coas multas periódicas ao propietario para forzar a reconstrución do inmóbel. “A última que aparece no expediente é de agosto de 2012”, aseguran.

“Que o xuízo sobre a demolición da Casa Gótica estea en proceso non quere dicir que haxa que renunciar a repoñer a legalidade e recuperar o edificio”, explican. “Agás botar balóns fóra, o goberno do PSOE non fixo nada polo Casco Histórico en todo o mandato”, opinan os nacionalistas. “O que non se pode é utilizar o Casco Histórico para atacar a Xunta do PP mentres que no que depende do Concello a inactividade é total” criticou o BNG.

Dotación de mobiliario urbano para disuadir o estacionamento e facilitar a convivencia

Os nacionalistas demandan do goberno local que coloque mobiliario urbano nas rúas e prazas peonís do Casco Histórico. “O PSOE retirou todo o mobiliario urbano que había, favorecendo a ocupación de rúas e prazas polos vehículos e, polo tanto, facendo imposíbel a preferencia peonil sobre estes espazos públicos”.

“Isto conleva que vida comunitaria e actividades de lecer e esparcemento non se poidan levar a cabo nas prazas da zona histórica do noso municipio, contribuíndo deste xeito a baleirar de vida e de actividade económica o Casco Histórico” lamentan.