O BNG-Asembleas Abertas leva ao Pleno de novo a petición dun sistema gratuíto q substitúa a ORA

O BNG-Asembleas Abertas leva ao Pleno de novo a petición dun sistema gratuíto q substitúa a ORA

tarxetaORA“Un informe da tesoureira deixa claro que o alcalde e o PSOE mentiron reiteradamente ao Pleno e á veciñanza cando afirmaron publicamente que estaban a contar 'tiquet a tiquet'” a recadación da ORA nos últimos anos, xa que estes tiquets nunca tiveron entrada no Concello nin houbo persoal ningún facendo este reconto".

Betanzos, 28 de agosto de 2015. O BNG-Asembleas Abertas demandará no Pleno derrogar a ordenanza da ORA e substituíla por un sistema de rotación de estacionamento gratuíto. As nacionalistas aseguran que “o 25 de febreiro a tesoureira municipal asinaba un informe no que pon de manifesto diversas irregularidades con respecto á recadación da ordenanza de regulación do aparcamento (ORA)”.

“Este informe, entre outras cousas, deixa claro que o alcalde e o PSOE mentiron reiteradamente ao Pleno e á veciñanza cando afirmaron publicamente que estaban a contar 'tiquet a tiquet'” a recadación da ORA nos últimos anos, xa que estes tiquets nunca tiveron entrada no Concello nin houbo persoal ningún facendo este reconto” advirte o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

O edil nacionalista lembra que en xaneiro, en resposta a unha iniciativa do BNG, o goberno do PSOE asegurou “que as comprobación as están a facer funcionarios municipais do departamento de tesourería ao mesmo tempo que teñen que facer as súas tarefas ordinarias, en canto o proceso esté rematado darase conta dos resultados”.

Desde o BNG-Asembleas Abertas advirten que “como recoñece a propia funcionaria, a concesionaria non presenta datos completos da recadación e non se ingresou nada nas arcas municipais neste concepto”. “Tampouco figura a concesionaria na relación que o alcalde fai de servizos privatizados do Concello na conta xeral e non entendemos por que”, engadiu Del Río.

“Máis alá do grave feito de que oalcalde mentise descaradamente ao Pleno e a tesoureira o deixe en evidencia é que o goberno municipal do PSOE non só non fixo absolutamente nada para solventar esta situación, senón que consentiu en que a empresa continúe cobrando un ano mais á veciñanza por estacionar en vías públicas sen ningún tipo de contraprestación” advirte o portavoz municipal nacionalista. “Estamos ante unha grande irresponsabilidade do goberno local, que semella obvio neste asunto non estivo precisamente defendendo os intereses da veciñanza, cousa máis que demostrada cando a tesoureira deixa en evidencia as mentiras do alcalde ao asegurar que non se levou ningunha conta 'tiquet a tiquet' para verificar a recadación da ORA” engade o edil do BNG-Asembleas Abertas.

“Á vista de que xa queda claro que non hai motivo para levar máis dun ano nesta situación, e como descoñecemos a que agardan o alcalde e o PSOE para poñer fin a esta situación e buscar unha alternativa gratuíta para regular o estacionamento no centro, vémonos obrigados a reiterar as nosas peticións de hai máis dun ano” explica Del Río. Neste sentido, ademais de suprimir a ordenanza para cobrar por estacionar nas rúas e establecer un sistema gratuíto de rotación no estacionamento, os nacionalistas pedirán ao Pleno que se tomen “inmediatamente as medidas necesarias para impedir que a concesionaria siga cobrando á veciñanza a ORA sen que o concello ingrese un só euro por esta concesión”.

Ademais, a moción das nacionalistas propón crear “unha comisión de investigación para determinar as responsabilidades que levaron a manter esta empresa cobrando á veciñanza sen contrato e que permitiron que o Concello non percibise os cartos estipulados no contrato e, de ser o caso, propór o expediente de responsabilidades que proceda para salvagardar os intereses da veciñanza de Betanzos ou dar traslado das conclusións á Fiscalía”.

“En febreiro de 2014, despois de conseguir ter acceso a toda a documentación deste asunto pedimos que se suprimise a ORA e se depurasen as responsabilidades políticas e administrativas de manter esta situación”, recorda Del Río. “O alcalde impediu por dúas veces que se debatise esa moción e finalmente PSOE e PP votaron en contra de suprimir a zona azul, cambiala por un sistema gratuíto e abrir unha investigación”, engade. “Non sabemos que interese puideron ter en adiar calquera decisión sobre esta situación escandalosa por máis dun ano, pero por nós non vai ser que isto continúe asi”, conclúe.

O BNG-Asembleas Abertas leva ao Pleno de novo a petición dun sistema gratuíto q substitúa a ORA