O BNG aposta en Infesta polo tren de cercanías

Henrique del Río lembrou que o servizo permitiría vertebrar toda a área metropolitana da Coruña e ofrecer unha alternativa fronte a unhas estradas saturadas.

O BNG aposta en Infesta polo tren de cercanías

Henrique del Río lembrou que o servizo permitiría vertebrar toda a área metropolitana da Coruña e ofrecer unha alternativa fronte a unhas estradas saturadas.

Betanzos, 6 de maio de 2011. O BNG abriu esta noite a campaña en Infesta. Nun acto público celebrado no local social da localidade, o candidato do BNG á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, apostou pola instauración dunha liña ferroviaria de cercanías para conectar a localidade con A Coruña e Ferrol. O nacionalista lembrou que o servizo permitiría vertebrar toda a área metropolitana da Coruña e ofrecer unha alternativa fronte a unhas estradas saturadas.

O BNG comprometeuse en Infesta a manter en óptimas condicións a pasarela peonil que cruza sobre a vía do tren e divide en dous o núcleo. Neste mandato, o BNG presentou unha batería de iniciativas no Concello e o Congreso dos Deputados para reclamar un mantemento digno desta pasarela, a única forma de comunicación peonil entre as dúas beiras da vía.

Encarna Vidal, que ocupa o quinto posto da candidatura nacionalista, referiuse á deficiente conservación desta pasarela sobre o tren por parte do goberno de María Faraldo (PP). A candidata nacionalista referiuse tamén á falta de limpeza e mantemento das vías da aldea.

Henrique del Río asegurou que “todos os veciños e veciñas teñen que ter acceso aos mesmos servizos, con independencia de que residan na cidade ou nunha aldea”. Neste sentido, afirmou que se sae elixido alcalde esixirá á Xunta de Galiza mellorar a seguridade viaria en Infesta.