O BNG acusa ao PSOE de mentir na conxelación das taxas

Henrique del Río e Antonio Fafián, do Consello Local, nunha comparecencia pública
Henrique del Río e Antonio Fafián, do Consello Local, nunha comparecencia pública
O BNG acusa ao PSOE de mentir na conxelación das taxas

Henrique del Río e Antonio Fafián explican as propostas fiscais do BNG

“O que non pode ser é que se suba o saneamento ou o conservatorio mentres se lle conxelan as taxas ás eléctricas e os bancos e se lles baixan aos bares do Campo”.

Betanzos, 22 de outubro de 2013. O BNG advertiu esta mañá que o goberno municipal do PSOE minte cando afirma que non vai subir as taxas. “Pretende subir outra vez a taxa por saneamento, non achegan ningunha proposta concreta e utilizan un eufemismo como ‘pequenas modificacións’, para evitar que os veciños e veciñas poidan ter información sobre a realidade desta suba das taxas”, criticou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Desde o BNG denunciaron que o goberno local propón subir o IPC das taxas aos transportes especiais e aos caixeiros na vía pública cando non están aplicando estas taxas. “Queda moi ‘progre’ anunciar que se lle van subir as taxas aos bancos, pero o PSOE non cobrou a taxa por caixeiros na rúa o pasado ano, segundo a conta xeral”, denuncian os nacionalistas. “E outro tanto se pode dicir da taxa polos transportes pesados que cruzan o centro da cidade. Pola que ingresaron 80 euros cando o tipo mínimo son 170, non entendemos que taxa están aplicando”, engaden. “O ingreso correspondente á taxa por caixeiros foron 0 euros o ano pasado, e unha subida do 0.3% que é o IPC de cero segue sendo cero”.

Os nacionalistas advirten, ademais, de que o goberno local admitiu que estan traballando nun “estudo do servizo de comedor” para refacer o prezo, creado no pasado mes de agosto. “Nós xa advertimos no Pleno de que faltaba un estudo económico para garantir a viabilidade do servizo cos distintos descontos”, recorda Del Río. “Acusóusenos de querer deixar aos cativos sen comedor e agora resulta que dous meses despois de crear o servizo, xa se teñen que revisar as tarifas”, indicou. “Agora o PSOE cae na conta de que o tiña que ter ‘estudado’”, ironiza.

Os nacionalistas fixeron unha serie de propostas “para garantir que a fiscalidade sexa máis xusta e progresiva”. “Pensamos que o xusto é subir o IPC ás taxas relativas aos subministros das grandes empresas, tanto pola utilización da vía pública, como para abrir zanxas, tender cableado ou usar o espazo público radioeléctrico”, explicaron, “non se pode entender que cos beneficios escandalosos de eléctricas ou telefónicas a proposta do PSOE sexa conxelarlles as taxas”, indicou Del Río.

Neste sentido, apostan por anular a amnistía fiscal en agosto para a hostalaría do Campo, subir o IPC á taxa de apertura de oficinas bancarias e cobrar a taxa dos caixeiros na vía pública.

“O BNG defende que paguen máis taxas quen realmente pode facelo e que se hai que desculparlle as taxas a alguén, será a quen realmente non pode asumilas”, explicou. “Ao que se ve o BNG é o único grupo que ten propostas, a non ser que o PP volva propoñer a ilegalidede de perdoarlle a taxa dos nichos ás monxas”, indicou. Os nacionalistas cuestionan a “crítica sen propostas do PP”, aínda que “se cadra non se atreven a defender publicamente as súas propostas”, ironizou o voceiro nacionalista.

Comarcalizar o conservatorio, banco de libros e bolsas para material

“É mentira, como di o goberno local, que unha sentenza obrigue a mudar a taxa do

O BNG defende comarcalizar o conservatorio

conservatorio”, indicou Del Río. “Hai un escrito do Valedor do Pobo que recomenda cambiala desde que o PP ocupaba o goberno local, pero o PP non a modificou en 2011 porque quedaba feo subir a taxa ás portas das municipais”, engadiu. Desde o BNG reprochan ao PSOE que leve tres anos para modificar esta taxa.

O BNG asegurou que “o goberno local fai unha interpretación moi libre da proposta que lle demos hai anos de cobrar a taxa en escalóns progresivos segundo a renda”. A proposta do PSOE implica que unha familia de dous adultos e unha crianza cunha renda familiar de 1996 euros- “un salario de mil e outro de 900, unha utopía na Galiza do 26% de paro de Feijóo”- pagará 196 euros por materia. “Dubidamos que 588€ euros de matrícula sexa unha cantidade asumíbel polas familias na actual situación económica, tendo presente que non hai bolsas”. “O PSOE pretende financiar o conservatorio unicamente a costa das taxas, a costa dos usuarios”, denuncian os nacionalistas.

“Se o conservatorio na práctica é comarcal, porque dese feito deriva o escrito do Valedor, o normal é que se comarcalice o servizo”, explican os nacionalistas, que aseguran que cos datos do propio Concello, este curso o 15% do alumnado é de fóra de Betanzos. Os nacionalistas demandan ao goberno “que reúna aos concellos da comarca para tratar este asunto” e propoñen ademais un banco de libros de texto e bolsas para o material escolar para o conservatorio.

“O mantemento do conservatorio debera ser comarcal xa que hai alumnos de sete concellos diferentes, a non ser que Diego Calvo pretenda fusionar sete concellos”, ironizou Del Río. “Por moito que vendan a fusión de concellos como a panacea, hai situacións coma esta que non soluciona a fusión”, abundou.

O PSOE calca a política fiscal do PP

“O goberno do PSOE non ten proxecto económico, como demostran estas taxas aleatorias e un orzamento falseado”, asegurou Del Río. “Súmanse á política do PP de cargar as tintas nos servizos básicos sen ningún tipo de progresividade mentres que ás empresas con beneficios se lles conxelan as taxas ou se lles rebaixan”, explicou. “O que non pode ser é que se suba o saneamento ou o conservatorio mentres se lle conxelan as taxas ás eléctricas e os bancos e se lles baixan aos bares do Campo”, advirten desde o BNG.

“Está bastante claro de que lado se posiciona o goberno local”, asegurou o voceiro nacionalista. “Néganse a asumir o custo de novos bombeos da rede de saneamento e repercútenllo a toda a veciñanza pero non hai ningún problema en deixar de ingresar en agosto polas terrazas do Campo para que as empresas non reduzan os seus beneficios”.