É a hora de construír o Betanzos do futuro coa forza de todas. Agora Betanzos!

É o momento de apostar por un Betanzos verde, integrador, máis xusto e con máis igualdade. É a hora de construír o Betanzos do futuro, con ilusión e humildade mais tamén coas ideas claras. Coa forza de todas.

É a hora de construír o Betanzos do futuro coa forza de todas. Agora Betanzos!

Estamos convencidas de que Betanzos pode ser outra cousa. Unha cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial, orgullosa da súa identidade. Un Betanzos que poña en valor a súa historia que se afirme no que nos fai diferentes: o Casco Histórico, o Pasatempo, Mandeo e Mendo, a ría, o viño e o repolo, ... para innovar e construír o futuro que merecemos.

Unha cidade con servizos públicos de calidade á altura das necesidades e exixencias da xente de hoxe: un centro de día público no antigo ambulatorio, actividades extraescolares municipais, un xeriátrico público comarcal, prazas suficientes de escolas infantís e colexios públicos,... Cunha biblioteca pública que aposte por actividades para as crianzas e cun horario adaptado ás necesidades do estudantado.

Un Betanzos máis integrador e con máis igualdade, acabando con actividades municipais que promoven roles sexistas e reclamando un centro de orientación familiar comarcal e apostando pola colaboración con asociacións e colectivos feministas da comarca. 

Unha cidade máis verde, que triplique os xardíns existentes, que remate cos verquidos aos ríos e a ría e que poña a raia ás empresas contaminantes. Un novo modelo de xestión de residuos e extender a rede de saneamento a todo o Concello.

Apostamos pola participación veciñal, cun goberno que trate igual a todas as veciñas, entidades e empresas. Que faga cidade desde os barrios e as parroquias. Que democratice os medios de comunicación municipais e reabra Radio Betanzos como emisora comunitaria.

Mais todo isto non se pode facer desde a confrontación, senón desde a capacidade para liderar un proxecto que una á cidade ao redor deste horizonte común. No BNG sabemos facelo, estámolo facendo en vilas e cidades similares a Betanzos, como Ribadeo, Allariz ou Pontevedra.

Presentamos un proxecto integrador, un grupo humano cohesionado capaz de tender pontes e construír un novo proxecto de cidade. Unha cidade máis moderna e dinámica para vivir e traballar, que lidere a comarca e aposte polo propio para evitar ser outra vila dormitorio máis.

É o momento de apostar por un Betanzos verde, integrador, máis xusto e con máis igualdade. É a hora de construír o Betanzos do futuro, con ilusión e humildade mais tamén coas ideas claras. Coa forza de todas. Agora Betanzos!

Comentarios