Cambiar para poder avanzar: as propostas do BNG aos orzamentos da Xunta

O inconformismo é necesario para avanzar, para que Betanzos non siga parada como estes últimos anos. Temos que decidirnos a cambiar para poder avanzar, con ideas claras, cara unha cidade mellor.

Cambiar para poder avanzar: as propostas do BNG aos orzamentos da Xunta
tarxeta orzamentos
tarxeta orzamentos

Participamos na política para mellorar a realidade que temos, por incoformismo. Por non dar por bo que a Xunta nos castigue un ano máis sen un centro de día. Porque nos amola ter un centro de saúde falto de persoal que nos deixa sen servizos. Porque merecemos un ensino público de calidade, con mellores prestacións das que temos. Por iso emendamos as contas do PP para ter un centro de día no antigo ambulatorio, un edificio que xa pagamos cos nosos impostos e está a caer. Por iso pedimos fondos para cubrir ausencias de especialistas no centro de saúde, para que non pechen servizos durante o verán por non cubrir vacacións. E segregar o aulario convertíndoo no colexio que nos prometera Feijóo, desmasificando o Vales.

Non nos resignamos a emigrar, porque cremos que a nosa cidade e a nosa comarca teñen moitas oportunidades de xenerar emprego e riqueza, que merecemos máis que ser falsas autónomas ao mandado dunha multinacional ou carne de canón para campañas estacionais de grandes superficies. 

As Mariñas aínda son unha comarca de horta e ría. Por iso emendamos os orzmentos da Xunta, para garantir o saneamento da ría, primeiro paso para rexenerala e volver a crear emprego de calidade en torno aos bancos marisqueiros do Pedrido ou a Ribeira de Souto, que repartirían, como en calquera outra ría, emprego e riqueza en toda a comarca en toda a cadea produtiva, mais tamén no turismo ambiental. E un centro de transformación para dar valor engadido á produción de horta, carne e leite, mellorar a comercialización e facilitar a creación de emprego vinculado ao sector primario.

Betanzos é patrimonio. O maior activo económico que ten a nosa cidade é o patrimonio. Non nos conformamos cunha pedrea ocasional que cae de refilón en ano electoral. Por iso demandamos ao goberno galego que modifique as súas contas para levar adiante a rehabilitación do Casco Histórico, que é algo que vai alén de comprar unha ducia de casas e telas a caer dez anos antes de meterlles man.

E exiximos que cumpran canto dixeron sobre o Pasatempo. É hora de concretar todas as palabras bonitas que se levan dito sobre o parque. Pedímoslles que inclúan, xa que non o fixeron, o mesmo importe que a área de Patrimonio da Deputación, que dirixen as nosas compañeiras, comprometeu. Para pasar aos feitos no Pasatempo e na súa posta en valor.

O inconformismo é necesario para avanzar, para que Betanzos non siga parada como estes últimos anos. Temos que decidirnos a cambiar para poder avanzar, con ideas claras, cara unha cidade mellor.


Este artigo foi publicado orixinalmente no xornal "Betanzos e a súa comarca" no seu número de decembro de 2018