ORA, Casco Histórico e participación

Máis de 30.000€ para colocar unha ducia de cámaras nas rúas do Casco Histórico. É a prioridade de investimento do goberno do PSOE na zona monumental.

ORA, Casco Histórico e participación
MetroBetanzos: as distancias en metros e minutos dentro da cidade

O goberno local presentounos unha proposta de ordenanza da ORA. Unha proposta que pretende manter a ORA e volver a contratar unha empresa privada que a xestione. A maiores a proposta de ordenanza legaliza o aparcamento nas rúas do Casco Histórico, o chamado parking express, que supón devolver o estacionamento ás rúas Travesa e do Castro ou á praza.

O goberno local propón volver á ORA, a ter que pagar por aparcar nas nosas rúas. A facer competir o centro comercial aberto de Betanzos, pagando por aparcar, coas grandes superficies comerciais que dan aparcamento gratis. A pagar o mesmo sen ter en conta a capacidade económica de cada quen e a pagar por aparcar un coche polo que xa pagamos a rodaxe. Un sistema profundamente inxusto que se demostra ademais inútil, que diferencia hai no aparcamento desde que a primeiros de mes quedamos sen ORA? No BNG non a vemos.

Só os cascos históricos que restrinxen o acceso rodado recuperan vida. Demóstrano Pontevedra ou Allariz fronte ao caso de Betanzos

Mais grave aínda é o debate sobre o Casco Histórico. Só os cascos históricos que restrinxen o acceso rodado recuperan vida. Demóstrano Pontevedra ou Allariz fronte ao caso de Betanzos, cun Casco, por desgraza, cada vez máis ruinoso, baleiro e sen vida. Por iso hai meses que presentamos un proxecto alternativo de mobilidade na zona monumental, con estacionamentos disuasorios, zonas para residentes, cargas e descargas e cambios de sentido nalgunhas rúas. Mais a proposta do goberno non recolle ningunha das nosas achegas. Por iso levamos o tema ao Pleno, para defender a fin da ORA e a posta en valor do noso Casco Histórico, que non pode ser un aparcamento. Fomos os únicos que o defendimos no Pleno.

Aínda que había un acordo de valorar as achegas de todos os grupos da Corporación na comisión de tráfico antes de tomar unha decisión, coa obra de instalación das cámaras de control de acceso fica claro que o goberno do PSOE xa tomou unha decisión. Máis de 30.000€ para colocar unha ducia de cámaras nas rúas do Casco Histórico. É a prioridade de investimento do goberno do PSOE na zona monumental.

Coa decisión de mercar as cámaras xa aprobada- á que só nos opuxemos en Pleno o BNG- o goberno local resolve pola porta de atrás o debate sobre a mobilidade. Esquecendo a mantenta que o Casco Histórico é patrimonio de todas as betanceiras, vivamos ou non na zona monumental. E que todas, polo tanto, temos que opinar nese debate que non se quere dar.

Máis de 30.000€ para colocar unha ducia de cámaras nas rúas do Casco Histórico. É a prioridade de investimento do goberno do PSOE na zona monumental

Nós defendemos dar os debates con honestidade coa veciñanza: falar ás claras, publicamente, nun pleno, que todas saiban que defende cada quen. Non somos partidarias de secuestrar debates de calado coma o da mobilidade no Casco Histórico nunha comisión que, ao final, o goberno local nunca convoca porque xa ten decidido que facer de antemán.


Artigo publicado orixinalmente no xornal "Betanzos e a súa comarca" en abril de 2017

ORA, Casco Histórico e participación