A responsabilidade e o exercicio político

Cómpre buscar solucións para que a xestión económica do concello sexa mellor e máis eficiente,  para que as autónomas e pequenas empresas non esperen meses ou mesmo un ano para cobrar
A responsabilidade e o exercicio político

O pleno aprobou o pasado día 2 o orzamento municipal para o ano 2024. Un orzamento que deixa ver que a situación económica do concello non é boa, todo o contrario, cada vez é máis complicada. O orzamento do goberno do PSOE recolle a solicitude dun crédito de aproximadamente un 1,5 millóns de euros para afrontar obras menores pendentes de pago e outros investimentos. Ademais, temos unha débeda co Consorcio das Mariñas desde o ano 2008 e facturas pendentes de pago con Naturgy e pequenas empresas de Betanzos e da comarca de 1,5 millóns de euros. Unha parte dos pagos destas facturas (as da luz e as do primeiro semestre de 2023) recóllense no orzamento, mais aínda quedaría aproximadamente a metade por pagar, pendente da incorporación do remanente do ano anterior. 

É unha situación preocupante e no BNG pensamos que a solución máis responsábel pasa por ter información de todo o que temos pendente de pago e de cobro, de cal é o conxunto da situación económica e elaborar un plan de sustentabilidade para poñerlle solución. 

Cómpre buscar solucións para que a xestión económica do concello sexa mellor e máis eficiente,  para que as autónomas e pequenas empresas non esperen meses ou mesmo un ano para cobrar, como levamos anos reclamando. Mais tamén para evitar que esta situación poida condicionar no futuro os servizos que podemos darlle á veciñanza.

Ten que haber mudanzas na xestión do orzamento que garantan que cando se contrata ou se fai un gasto hai cartos para poder pagar. Non podemos seguir tendo os provedores do concello durante meses ou anos esperando para cobrar por gastar sen ter cartos no orzamento.

Mais para poder empezar xa a facer fronte aos pagos pendentes, algúns desde hai un ano, foi fundamental que se aprobase o orzamento e o recoñecemento das facturas pendentes, para non obrigar aos autónomos e pequenas empresas de Betanzos e da nosa comarca a ter que ir ao xulgado para cobrar. 

Este orzamento tamén ten cousas positivas, pequenos avances como o cambio no modelo de subvencións para facelas máis democráticas ou a reserva dunha partida para normalización lingüística. Cambios que dan cumprimento ao que o BNG esixiu no acordo de investidura. 

Non é este o orzamento que faría o BNG porén, por responsabilidade, propoñemos solucións para a situación económica e esiximos cambios en positivo. Votamos a favor para que as empresas e pequenos autónomos poidan cobrar canto antes. Fronte á actitude da dereita do non polo non, dun PP sen propostas nin proxecto, que só aposta polo canto peor mellor, no BNG facemos unha oposición en positivo, buscando solucións e propoñendo melloras. Porque esa é a nosa máxima: traballar a diario para que mellore a vida das nosas veciñas.

A responsabilidade e o exercicio político