A importancia dun voto ao servizo de Galiza

No BNG levamos anos (décadas!) a presentar de maneira continua e incansábel iniciativas encamiñadas cara a dous obxectivos: conseguir a transferencia da AP-9 para Galiza e eliminar as peaxes abusivas que as galegas e galegos pagamos por utilizar esta autoestrada.

A importancia dun voto ao servizo de Galiza

Como resulta coñecido, o pasado 29 de xullo entraban en vigor os diferentes descontos para as persoas usuarias da AP-9 e, como se adoita dicir, nas vitorias todo son amigos. Nestes días, puidemos ver como numerosas organizacións intentaban apropiarse dun acordo que ten un único responsábel: o BNG.

No BNG levamos anos (décadas!) a presentar de maneira continua e incansábel iniciativas encamiñadas cara a dous obxectivos: conseguir a transferencia da AP-9 para Galiza e eliminar as peaxes abusivas que as galegas e galegos pagamos por utilizar esta autoestrada.

A  AP-9 é unha infraestrutura estratéxica para o noso país. Vertebra toda a franxa atlántica, de Ferrol a Vigo, e resulta de importancia vital para a mobilidade interna e o desenvolvemento económico da Galiza. Por este motivo resulta de vital importancia a xestión desde Galiza desta autoestrada. Con esta finalidade, presentamos iniciativas no Parlamento de Galiza na procura de conseguir a transferencia. PSOE e PP, e máis recentemente tamén Unidas Podemos, apuntábanse a elas, mais en Madrid, no Congreso, logo votaban atendendo á comenencia dos seus gobernos, non aos intereses galegos.  

Igualmente, solicitamos de maneira reiterada a baixada das peaxes a través de accións públicas como as caravanas de vehículos, mobilizacións e campañas sociais de denuncia que se levaron a cabo en diferentes datas e por diferentes tramos desta vía.

Porén, o momento crucial desta loita chegou en novembro de 2019, coa volta do BNG ao Congreso dos Deputados da man de Néstor Rego. Nese momento, chégase a un acordo de investidura co PSOE que inclúe a cesión da AP-9 a Galiza e a rebaixa das peaxes até convertila en gratuíta. Un acordo que comeza a cumprirse case dous anos despois timidamente co paso dado nestes días, que beneficiará a todo tipo de usuarios e usuarias, profesionais e particulares.

Obviamente, os descontos que se aplican desde as pasadas semanas non cumpren coa totalidade do acordado, mais supoñen un primeiro paso de grande importancia. Un paso que beneficia a todas as galegas e galegos e que non sería posíbel de non contarmos cun deputado ao servizo de Galiza no Congreso. Un só deputado fronte aos restantes 23 congresistas eleitos por Galiza de PSOE, PP e Unidas Podemos. Unha vitoria que non sería posíbel sen a presenza do BNG. Que non se lograría cun grupo parlamentar propio e determinante!

A importancia dun voto ao servizo de Galiza