Centro de día no antigo ambulatorio: unha necesidade crecente

Centro de día no antigo ambulatorio: unha necesidade crecente
Amelia Sánchez

No ano 2005 inaugurábase o Centro de Saúde do Carregal e abríase unha oportunidade: reutilizar un edificio cunha localización privilexiada e cunhas instalacións envexábeis para usos sociais.

Desde ese momento, no BNG propuxemos usar o antigo ambulatorio como centro de día público, tanto pola axeitada localización do inmoble, como polo escaso investimento que sería necesario para poñer en funcionamento as súas instalacións con este novo uso.

Unha idea que concretamos cando gobernamos na Xunta, a través do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar. Adquiriuse o compromiso publicamente de recuperar este edificio para centro de día público. Un compromiso que se viu truncado coa negativa do goberno español (do PSOE na altura) a ceder o edificio e coa chegada do PP ao poder.

Feixóo, a pesar de se ter comprometido a abrir un centro de día público nos concellos de máis de 5.000 habitantes no remate da súa primeira lexislatura como presidente, non moveu un dedo para obter a cesión do edificio (propiedade da Seguridade Social). Tampouco cumpriu a súa palabra noutro emprazamento: o PP leva máis dunha década dando escusas de todo tipo para privar Betanzos dun centro de día público.  

No BNG levamos anos demandando a cesión do vello ambulatorio, mais a única certeza é que o edificio continúa pechado (co deterioro das instalacións que iso supón) e que as betanceiras carecemos de prazas públicas en centros de día. Porque PSOE e PP, cando gobernan en Madrid, se negan a ceder un edificio baleiro e a caer que, como moito, se abren a vender ao Concello. Para que o paguemos dúas veces.

Cremos que é un servizo imprescindíbel para as dependentes, mais tamén para as coidadoras, maioritariamente mulleres, poder conciliar. E que un edificio que xa pagamos cos nosos impostos siga a caer por non querer darlle unha segunda vida parécenos un dispendio inadmisíbel. Sobre todo cando o motivo son escusas tendo un edificio adaptado, céntrico, con bos accesos e xardíns e prazas ao redor para integrar as persoas dependentes na vida comunitaria. Cando, ademais, en toda a comarca apenas hai 15 prazas públicas de centro de día e nin unha residencia pública.

Por este motivo volvemos levar este mes, ao Pleno do Concello e mais ao Congreso dos Deputados, esta demanda. Demandámoslle agora ao PSOE, que criticaba ao goberno do PP o veto á cesión do vello ambulatorio, que mova peza dunha vez. Porque levamos trece anos agardando.

Centro de día no antigo ambulatorio: unha necesidade crecente