Del Río: “a Feira Franca Medieval ten un problema e o PSOE non o quere ver”

Del Río: “a Feira Franca Medieval ten un problema e o PSOE non o quere ver”

O BNG reclama que a Feira Franca represente a verdadeira historia da cidade e o país

“Nos orzamentos para a Feira Franca hai 55 000 euros e xa nos din pola prensa que gastaron 60 000, xa está outra vez o PSOE gastando por fóra das contas”.

“Vasos de cartón ou plástico desde o minuto cero e vendedores sen vestir de época sen que os responsábeis da Feira Franca fixeran nada por corrixilo é todo o que esta celebración non debe ser”.

Betanzos, 15 de xullo de 2014. “Imos ter unha festa con dous diplomas pero sen rastro da Feira Franca Medieval que foi no inicio”, lamentou o voceiro do BNG, Henrique del Río, tras coñecer a valoración triunfalista do goberno local do PSOE sobre a festa de recreación histórica celebrada a pasada fin de semana.

“Vasos de cartón ou plástico desde o minuto cero e vendedores sen vestir de época sen que os responsábeis da Feira Franca fixeran nada por corrixilo é todo o que esta celebración non debe ser”, engadiu. Neste sentido, os nacionalistas insisten en que se deberían ter controlado os postos de cara a evitar que se visen “elementos coma fritideiras, neveiras, bombonas de butano, cables da luz, lámpadas e botellas e botes” que na festa de recreación histórica “están fóra de lugar”.

Se cada vez é menos a veciñanza que se viste de época e que participa de forma activa nesta festa e se cada vez son menos as asociacións que se implican será porque algo falla na festa

“É obvio que a Feira Franca ten un problema e o goberno municipal do PSOE non o quere ver”, apunta o edil nacionalista. O BNG lamenta que o goberno local non faga un esforzo en manter a fidelidade histórica e permita que a Feira Franca se estea convertindo “nun feirón calquera”. “Se cada vez é menos a veciñanza que se viste de época e que participa de forma activa nesta festa e se cada vez son menos as asociacións que se implican será porque algo falla na festa”, indican. “Non todo se tapa cunhas cifras elevadas de visitantes”, engade.

“A lóxica da Feira Franca é pór en valor a Historia medieval de Betanzos, como cidade e como capital dun Reino chamado Galiza”, apunta Del Río, que cuestiona que “non sabemos se é que ao PSOE lle resulta incómoda esta etapa da nosa Historia”. “Que nós saibamos na Idade Media falábase galego-portugués, non se dicía ‘Feria Medieval’ nun anuncio publicitario e non se colgaban estandartes da CocaCola na Porta da Vila”, ironizou.

“Todas estas cousas e a repetición até o aburrimento do mesmo programa ano tras ano está levando á Feira Franca a ser como un mercado medieval calquera dos que agora proliferan- coa baixada de público conseguinte- en lugar de ser unha festa singular e cunha personalidade marcada”, aseguran.

Vasos de cartón ou plástico desde o minuto cero e vendedores sen vestir de época sen que os responsábeis da Feira Franca fixeran nada por corrixilo é todo o que esta celebración non debe ser

O BNG xa defendeu na comisión de festas a necesidade de que a Feira Franca reflexe a verdadeira Historia de Betanzos e o país, apostando pola singularidade “fronte a moda actual dos mercados medievais montados en serie por empresas especializadas e sen ter en conta para nada nin as vilas onde se celebran nin a súa Historia”.

Transparencia nas contas da Feira Franca

“Se o PSOE pode achegar as contas de gastos e ingresos da Feira Franca desde ano á prensa, non entendemos por que non os achega coa mesma celeridade á Corporación”, lamentou o voceiro nacionalista. O BNG reclamou, no Pleno e por medio do rexistro, diversa documentación sobre a comisión organizadora da Feira Franca, as poxas e o sistema de adxudicación dos postos. “Para isto nunca ten présa o PSOE”, ironiza.

Nos orzamentos para a Feira Franca hai 55 000 euros e xa nos din pola prensa que gastaron 60 000, xa está outra vez o PSOE gastando por fóra das contas

O edil nacionalista advirte que, con todo, chocan as cifras entregadas aos medios de comunicación e as plasmadas no proxecto dos orzamentos. “Na última versión dos orzamentos para a Feira Franca hai 55 000 euros e xa nos din pola prensa que gastaron 60 000, xa está outra vez o PSOE gastando por fóra das contas, logo viran as facturas sen fondos outra vez ao Pleno para que lles riamos as grazas deste comportamento irresponsábel”, lamenta.