"Os orzamentos da gran coalición?", artigo de Del Río sobre as contas do PSOE

"Os orzamentos da gran coalición?", artigo de Del Río sobre as contas do PSOE

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

"O PSOE minte cando di que incrementan as axudas de emerxencia social, despois de publicitar no mes de febreiro un incremento do 700% nestas axudas a realidade e que diminúen. De 35 000 euros no 2012 a 25 000. Nós a iso chamámoslle recorte".

Betanzos, 11 de xuño de 2014. O voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río, analiza o contido da proposta de orzamentos do goberno local do PSOE nun artigo de opinión no último número do xornal “Betanzos e a súa comarca” . Polo seu interese resumímolo a seguir de xeito íntegro.

Os orzamentos da grande coalición?

O goberno local do PSOE fixo pública días atrás a súa intención de aprobar un novo orzamento. Sen tempo non é, tendo en conta que estamos comezando xuño e debían estar aprobados antes do principio do ano. Pero desde o BNG o que nos preocupa é a súa intención de aprobar as contas de costas á veciñanza, eles sós desde o goberno sen contar coas achegas de ninguén. É máis pretenden para isto facer uso dunha lei que o mesmo PSOE ten recurrida nos Tribunais. Para conservar o posto, calquera cousa vale.

O orzamento dispara as subvencións “a dedo” ás entidades que o PSOE escolle sen criterio obxectivo ningún

Dispara as subvencións “a dedo” ás entidades que o PSOE escolle sen criterio obxectivo ningún. Estes cartos que reparten ‘a dedo’ son cartos públicos, que saen dos impostos de todas nós. Subirán 11 000 euros con respecto aos xa escandalosos 94 600 de 2012. Mentres, as entidades non agraciadas polo dedazo do PSOE terán só 25 000 euros para repartirse entre todas. As bolsas de estudos tan só 26 000 euros. Cada unha que xulgue.

O gasto para as festas de agosto medra en 10 000 euros con respecto a 2012. Se lle sumamos outros gastos en festexos e a Feira Franca Medieval poñémonos en 250 000 euros, algo inadmisíbel coa que está caendo.

O cemiterio, o mantemento viario, os xardíns ou a asistencia a dependentes pasan a depender de empresas privadas. Suprímese o orzamento para manter persoal e eses cartos diríxense a contratar empresas privadas. No cemiterio supón consolidar a privatización do servizo e noutros casos aumentar o beneficio das empresas contratadas a costa do emprego público. A pregunta é a quen pretenden beneficiar con estes contratos que pagamos todas e que nunca sacan a concurso.

Destrución de emprego público, privatizacións e clientelismo; o lóxico con estas contas é que o PSOE busque un entendemento co PP

Nin a Casa Gótica, nin o copago por exemplo teñen un só euro a pesar dos ríos de tinta que lles deron nos medios de comunicación. Minten cando din que incrementan as axudas de emerxencia social, despois de publicitar no mes de febreiro un incremento do 700% nestas axudas a realidade e que diminúen. De 35 000 euros no 2012 a 25 000. Nós a iso chamámoslle recorte.

Destrución de emprego público, privatizacións e clientelismo; o lóxico con estas contas é que o PSOE busque un entendemento co PP, probando a grande coalición tan anunciada polos seus líderes. Os veciños e veciñas que apoiaron ao BNG votaron outra forma de entender a política e non os imos defraudar.

"Os orzamentos da gran coalición?", artigo de Del Río sobre as contas do PSOE