O BNG reclama ao goberno local que poña fondos propios para o obradoiro de emprego do lavadoiro

O BNG reclama ao goberno local que poña fondos propios para o obradoiro de emprego do lavadoiro

“O goberno do PP na Xunta fixo pública esta pasada semana a concesión de obradoiros de emprego na nosa comarca e a Betanzos non lle conceden nin unha soa praza”.

Betanzos, 4 de novembro de 2012. O BNG lamenta que o goberno local do PSOE non tome ningunha medida ante a negativa da Xunta a concederlle ningún taller de emprego. “O goberno do PP na Xunta fixo pública esta pasada semana a concesión de obradoiros de emprego na nosa comarca e a Betanzos non lle conceden nin unha soa praza”, informou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Pese a que encabezamos a comarca en destrución de emprego, e que o paro afecta xa a 1207 persoas no noso Concello”, puntualiza.

“En Culleredo o goberno local, por certo do PSOE, puxo en marcha programas de formación con fondos propios para intentar paliar o preocupante aumento do desemprego”, engadiu Del Río. “Sen embargo o PSOE en Betanzos fixo xusto o contrario, pechar o centro de formación ocupacional na situación terríbel que estamos vivindo”, recorda.

“Supoñemos que isto quererá dicir que o PSOE non prevé facer ningún obradoiro de formación este ano no noso Concello, o cal nos parece moi preocupante xa que o paro en Betanzos aumentou un 19,74% no último ano”, criticou Del Río.

O BNG criticou ademais que o goberno local creara falsas expectativas nos veciños e veciñas ao publicitar varias veces unha escola-obradoiro para rehabilitar o lavadoiro das Cascas que volve quedar en nada. “Como xa advertimos no seu momento, eran simples anuncios publicitarios, sen nada detrás”, indicou o voceiro nacionalista, “e agora comprobamos que esa é a realidade. Se o goberno local do PSOE tivera interese real en poñer este taller en funcionamento faríao con cartos propios como están a facer outros concellos, coma o de Culleredo”.

“Parécenos unha vergoña estar xogando coa esperanza da xente que está nunha peor situación debido a crise, persoas que teñen familias e ás que se lles está prometendo unha formación que despois nunca se leva a cabo”, criticou del Río. “É inadmisíbel que o goberno da Xunta estea recortando o orzamento en políticas de emprego e aquí vemos as consecuencias, igual que o é que o goberno local do PSOE non tomara ningunha iniciativa para contrarrestar estes recortes”. “É sintomático que o goberno de Ramón García prefira gastar en festas en lugar de investir en formación e emprego”, indicou.

O BNG reclama ao goberno local que poña fondos propios para o obradoiro de emprego do lavadoiro