O BNG pide que Betanzos condene o ataque israelí á poboación de Gaza

O BNG pide que Betanzos condene o ataque israelí á poboación de Gaza

palestina gn“Non se pode mirar para outro lado coa escusa de que o Concello non pinta nada neste asunto, esta é a hora de expresar a máis enérxica condena perante a operación de limpeza étnica que o Estado de Israel está a perpetrar contra o pobo palestino na Franxa de Gaza con prácticas terroristas contra poboación civil desarmada”.

Betanzos, 28 de xullo de 2014. O BNG pedirá no Pleno que mañá celebra o Concello de Betanzos unha declaración institucional de condena ao ataque que o estado de Israel está a levar contra a poboación palestina da franxa de Gaza. Os nacionalistas demandarán que o Concello de Betanzos faga unha declaración expresa de condena do “ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a faixa de Gaza e reclama que cesen de inmediato os ataques e bombardeos israelís contra o pobo palestino”.

Desde o BNG explican que “milleiros de galegos e galegas, xunto con xente doutros lugares do Estado, de Europa e do mundo teñen amosado neste último mes a súa solidariedade co pobo palestino e manifestaron nestes días a súa rabia e a súa dor”. Neste sentido, os nacionalistas recordan que “o propio Parlamento de Galiza aprobou, no pasado mes de maio, unha resolución unánime a prol do cumprimento das resolucións das Nacións Unidas para pór fin ao sometemento do pobo palestino e recoñecer os seus dereitos colectivos”. “Nesta situación de conflito desigual onde un Estado poderoso esmaga un pobo, asasina mulleres e crianzas e planifica a eliminación total de quen só pretende vivir dignamente na súa terra non se pode mirar para outro lado”, engade o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Por este motivo, desde o BNG piden que Betanzos una a súa voz ás da xente e os organismos que reclaman “a finalización do bloqueo contra a faixa de Gaza, así como o derrubamento do muro do apartheid que Israel está a construír na Palestina ocupada”. “Cómpre manifestar publicamente a necesidade de que cesen de inmediato as hostilidades e ataques contra o pobo palestino, porque o respecto á dignidade humana non é compatíbel co escenario de asasinatos, de destrución, de xenocidio calculado que o Estado de Israel está a exercer” engaden Henrique del Río e María Otero na súa iniciativa.

“Cómpre que a comunidade internacional defenda os dereitos do pobo de Palestina e exixa do Estado de Israel o cumprimento da legalidade internacional, concretado nas múltiples resolucións do Consello de Seguranza da ONU que este país incumpre impunemente” engaden. Por este motivo, desde o BNG propoñen que o Concello de Betanzos apoie “o boicot diplomático, comercial, académico e cultural ao Estado de Israel mentres non cumpra a legalidade internacional e non respecte os dereitos do pobo palestino”.

Nese sentido, o BNG pide que o Concello solicite ao Goberno español que abandone a súa actitude pasiva diante deste conflito e exixa ao Estado de Israel o cumprimento do Dereito Internacional e das resolucións que aprobaron as Nacións Unidas desde 1948, de reparto territorial, así como a resolución 194 que obriga a Israel a asumir o dereito ao retorno da poboación palestina a súa terra.

Finalmente, a moción do BNG demanda que o Concello respalde os actos que se convoquen para expresar a repulsa social ao ataque criminal do Estado de Israel contra o pobo palestino da faixa de Gaza, e fai un chamamento á cidadanía deste concello, e á galega en xeral, para manifestar de maneira masiva nas rúas o rexeitamento a este xenocidio.

“Non se pode mirar para outro lado coa escusa de que o Concello non pinta nada neste asunto”, explican os nacionalistas. “Esta é a hora de expresar a máis enérxica condena perante a operación de limpeza étnica que o Estado de Israel está a perpetrar contra o pobo palestino na Franxa de Gaza con prácticas terroristas contra poboación civil desarmada que se teñen traducido na morte de moitas crianzas” conclúen.

O BNG pide que Betanzos condene o ataque israelí á poboación de Gaza