Defendendo os nosos intereses

En definitiva, estes orzamentos deixan ver que nin sequera en plena pandemia a Xunta e o Estado son quen de modificar a súa tradicional política de desatención das necesidades máis urxentes de Betanzos e da nosa comarca

Defendendo os nosos intereses
Amelia Sánchez na estación de tren de infesta
Amelia Sánchez na estación de tren de infesta

Estes días estanse tramitando os orzamentos do Estado e da Xunta de Galiza para o vindeiro ano 2021. Un ano marcado polos efectos dunha pandemia mundial, tanto sanitarios como económicos ou sociais. E que é o que recollen estes orzamentos para Betanzos e para a nosa comarca? 

Por un lado, nos orzamentos do Estado, do PSOE e Podemos, o único investimento que contempla na comarca das Mariñas son uns claramente insuficientes 120 mil euros para o by-pass ferroviario (que custaría segundo os estudos entre 20 e 40 millóns de euros). Trátase dunha obra demandada durante décadas de mellora na conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, cun by-pass en Betanzos que permitiría reducir considerabelmente o tempo da viaxe polo eixo A Coruña-Betanzos-Ferrol 

Na actualidade os trens que cobren este trazado teñen que achegarse á estación Betanzos-Infesta para dar volta e continuar cara a Betanzos-Cidade e Ferrol, un rodeo e unha perda de tempo que esta actuación evitaría. Hoxe, a viaxe en tren entre A Coruña e Ferrol tarda aproximadamente 1 hora e cuarto nun desprazamento que en coche se fai en 40 minutos. 

Mais en Betanzos e a súa comarca hai moitas máis cousas que levamos décadas pedindo, como as melloras na seguridade viaria na N-VI, a pasarela peonil no Espírito Santo (a carón da Escola de Capacitación agraria), a rotonda en Guísamo, no cruce coa estrada N-651, a rotonda en Cortiñán ou a rotonda e melloras na seguridade no cruce de Queirís (Coirós). Tamén o paso pola Angustia, onde sería importante buscar unha solución para o paso de peóns, xa que corta un núcleo rural. 

A seguridade viaria na N-651 ou a rexeneración da Ría de Betanzos, na que levamos décadas insistindo, tampouco teñen oco neste orzamento, que non pensa para nada nas nosas necesidades. 

E os orzamentos da Xunta do PP e Feijóo? Pois máis do mesmo. Botamos en falta investimentos fundamentais para Betanzos e a comarca das Mariñas como a posta en valor do patrimonio de Betanzos, que debera ser o motor económico da comarca. Logo das múltiples promesas do presidente da Xunta, no orzamento non hai un euro para o Pasatempo nin para o Casco Histórico de Betanzos.

Ademais, vemos que a Xunta non toma nota do que nos ensinou esta situación de emerxencia sanitaria, non hai orzamento para o novo centro de saúde de Abegondo, longamente prometido, nin tampouco para residencia ou xeriátrico público na comarca, que carece totalmente destes servizos. Parece que seguimos sen reforzar os servizos públicos nin no referente á sanidade nin nos servizos sociais.

En definitiva, estes orzamentos deixan ver que nin sequera en plena pandemia a Xunta e o Estado son quen de modificar a súa tradicional política de desatención das necesidades máis urxentes de Betanzos e da nosa comarca. O BNG presentará emendas coas nosas propostas para mellorar estes orzamentos aínda que moito nos tememos que nin un nin outros as van apoiar, pois non pensan en solucionar os nosos problemas. É hora de empezar a defender o noso, porque se non o facemos ninguén o vai facer por nós.

Defendendo os nosos intereses