Man tendida para mudar as prioridades e facer política de esquerdas en Betanzos

No BNG temos a man tendida ao PSOE para chegar a acordos para levar adiante os cambios que Betanzos precisa. Non para reforzar o goberno da deixadez e de que siga pasando o tempo mentres Betanzos esmorece.

Man tendida para mudar as prioridades e facer política de esquerdas en Betanzos

No BNG temos a man tendida ao PSOE para chegar a acordos para levar adiante os cambios que Betanzos precisa. Non para reforzar o goberno da deixadez e de que siga pasando o tempo mentres Betanzos esmorece.

Man tendida para que o pobo sexa soberano todos os días, non só o das eleccións. Para que poida decidir libremente as prioridades de gasto do seu Concello. Mais reservar, como medida publicitaria, unha cantidade no orzamento para que a veciñanza escolla entre uns proxectos xa pechados pouco ten que ver coa verdadeira participación.

Man tendida para levar adiante unha verdadeira política de esquerdas. Que garanta que todas as veciñas ou colectivos temos as mesmas opcións para optar, en igualdade de oportunidades, a unha subvención ou un contrato do Concello. Superando o outorgamento de 127.000€ en axudas a dedo a uns poucos mentres para o resto quedan só 25.000€ en subvencións.

Man tendida para que cada quen aporte segundo a súa capacidade económica e poñer fin así a que siga habendo empresas concesionarias ás que non se lles exixe o que teñen que pagar mentres a veciñanza ten que pagar relixiosamente todas as taxas e impostos. Porque só así se garante o principio de que pague máis quen máis ten para redistribuír a riqueza, para que quen menos ten teña servizos e prestacións.

Man tendida para poñer fin á privatización dos servizos municipais. Para reverter o 1,5 millón de euros que, como pouco, este ano levarán as empresas privadas duns orzamentos de 9,2 millóns. Para garantir uns servizos públicos de calidade, porque que os empreste directamente o Concello é máis barato, máis eficiente e evita moitas das corruptelas que a diario vemos na prensa.

Ofrecemos a nosa man para mudar as prioridades de gasto. Para evitar que se siga dilapidando cada ano máis nas festas (315.000€ este ano), mentres non se destina un só euro a subvencións para rehabilitar o Casco Histórico, que é o noso feito diferencial e a oportunidade de futuro que temos. Ou mentres se recorta en fomento do emprego.

En definitiva no BNG non podemos apoiar un orzamento que nos aboca a máis do mesmo, de inacción, de deixadez, de deixar caer o noso patrimonio, de clientelismo e privatizacións. Seguiremos agardando unha verdadeira política de esquerdas e un goberno do dialogo e dos acordos fronte a este goberno de costas ao pobo.

Man tendida para mudar as prioridades e facer política de esquerdas en Betanzos