A Xunta nega que exista un problema de transporte para as persoas con mobilidade reducida

A Xunta nega que exista un problema de transporte para as persoas con mobilidade reducida

O voceiro do BNG, Henrique del Río, acompañando a protesta das persoas con mobilidade reducida

O voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, levou á Cámara ás demandas dun grupo de veciños e veciñas de Betanzos con mobilidade reducida, que non ven garantido o seu dereito á mobilidade

Betanzos, 16 de outubro de 2014. O BNG demandou esta mañá no Parlamento de Galiza que a Xunta obrigue a cumprir a normativa sobre accesibilidade ás empresas que explotan as liñas de pasaxeiros entre Betanzos e A Coruña. O voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, levou á Cámara ás demandas dun grupo de veciños e veciñas de Betanzos con mobilidade reducida, que non ven garantido o seu dereito á mobilidade.

“Os buses da empresa Arriva con parada en Betanzos, que explotan liñas que foron adxudicadas a Ideal Auto, non están adaptados para que sexa accesíbeis”, indicou Jorquera. Cando o BNG rexistrou a súa iniciativa, en abril, estas persoas, relatou o deputado, “víanse obrigadas a avisar con dous días de antelación á empresa para que puxera o bus adaptado”.

Tras denunciar o problema, “a única solución arbitrada pola empresa foi pór dous buses adaptados de ida e outros dous de volta, ás dez e media e ás tres para ir e ás dúas e as nove para a volta”, explicou Jorquera. “En palabras das propias persoas afectadas, unha chapuza”, denunciou.

Jorquera explicou que esta situación “afecta aos buses con orixe ou destino na Coruña e que fan parada en Betanzos”. Así, explicou que “na liña Sada-Betanzos, que ten en concesión Autos Cal Pita, danse casos nos que autobuses rotulados co distintivo do transporte accesíbel teñen ocupado con asentos o oco destinado a persoas con mobilidade reducida”.

“Nos vehículos de transporte público colectivo, tanto urbanos como interurbanos, deberán reservárselle ás persoas con mobilidade reducida polo menos tres asentos por coche”, explicou Jorquera lendo a lei de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas de Galiza. “A Xunta de Galiza está obrigada a cumprir e facer cumprir a lei” espetoulle á directora xeral de mobilidade.

Para rebatir os datos sobre a liña Betanzos-Sada a Xunta fala dos buses que paran na estación da Coruña

Para xustificar as anomalías na reserva de espazos para persoas con mobilidade reducida nos autobuses da liña Betanzos-Sada a directora xeral de Mobilidade respondeu falando dos autobuses que fan parada na estación de autobuses da Coruña. “A liña entre Sada e Betanzos non fai parada na estación de autobuses da Coruña”, ironizou Joruqera para evidenciar. “Fagan inspeccións periódicas e non unha puntual a raíz dunha queixa”, demandou.

O voceiro do BNG tamén cuestionou que a Xunta dese por boa a solución para a liña Betanzos-A Coruña tomada pola empresa. “Non se pode dar por boa a solución da empresa de dar dúas expedicións diarias en cada sentido, vostedes cren que con estas dúas opcións unha persoa con mobilidade reducida ve suficiente oferta para dar resposta ás súas necesidades?”, interpelou.

“Estamos falando dunha comarca de características metropolitanas, cunha mobilidade moi importante entre ambas cidades e estas persoas teñen que ter unha mobilidade como a que pode ter unha persoa sen problemas de mobilidade”, insistiu o voceiro do BNG. “Fale coas persoas afectadas a ver que opinan destas ‘solucións’ e exíxalle ás empresas que cumpran coa lei”, concluíu Jorquera.

A Xunta nega que exista un problema de transporte para as persoas con mobilidade reducida