Valoramos positivamente a información sobre o cambio de proxecto do Paseo do Mandeo

“Sen saír xa do río, é moito máis urxente desde o punto de vista ambiental acabar cos verquidos ao Mandeo e á ría amañando e rematando a rede de saneamento”

Valoramos positivamente a información sobre o cambio de proxecto do Paseo do Mandeo

“Sen saír xa do río, é moito máis urxente desde o punto de vista ambiental acabar cos verquidos ao Mandeo e á ría amañando e rematando a rede de saneamento”

Betanzos, 7 de xullo de 2017. O BNG valorou hoxe positivamente a información divulgada polas asociacións O Rabo do Galo e a SHGN das Mariñas sobre o cambio de proxecto do paseo do Mandeo. As nacionalistas alegráronse do cambio de actitude do goberno local e de que renuncie ás partes máis agresivas co medio que incluía o proxecto que o executivo do PSOE sacou a contratación o pasado mes de decembro.

“Seguimos vendo un proxecto que non é prioritario para Betanzos” indican desde o BNG. “Pensamos que en Betanzos hai actuacións moito máis urxentes desde o punto de vista patrimonial e turístico, como rehabilitar o Casco Histórico ou o Pasatempo, como por certo fixemos público hai meses cando se produciu o derrubo do muro do Pasatempo” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río, “ou, sen saír xa do río, é moito máis urxente desde o punto de vista ambiental acabar cos vertidos ao Mandeo e á ría amañando e rematando a rede de saneamento”.

As nacionalistas explicaron que o goberno local non trasladou, en ningunha das xuntas de voceiros, comisións ou plenos celebrados até a data, ningunha novidade sobre este tema. “O anuncio destas entidades de que hai un novo proxecto cóllenos de sorpresa e sen información de ningún tipo por parte do goberno local e cando poidamos ver e analizar ese novo proxecto faremos valoracións máis polo miúdo”, indica Del Río. “Mais é unha boa nova eliminar todos os puntos agresivos co río, coma escolleras, paseos pilotados e demais e aínda discrepando da necesidade desta obra parabenizámonos de ter conseguido que o goberno recoñeza finalmente que o anterior proxecto era agresivo co medio e, polo tanto, de que o modifique”, engade.

O goberno local paralizou a contratación deste paseo a comezos de xaneiro deste ano, tras presentar un recurso o BNG por licitar parte das obras no municipio veciño, onde Betanzos non ten competencias como Administración Pública. As nacionalistas apoiaron as mobilizacións das entidades críticas co trazado aprobado por PSOE e PP en 2015 e desenvolveron unha campaña divulgativa propia sobre o impacto da obra, tal e como estaba deseñada, no Mandeo e na súa riqueza ambiental.

Valoramos positivamente a información sobre o cambio de proxecto do Paseo do Mandeo