AS SUXESTIÓNS DAS NACIONALISTAS FORON PRESENTADAS NUNHA XUNTA DE PORTAVOCES QUE SE CELEBROU ESTA MAÑÁ POR MEDIO DE VIDEOCONFERENCIA

Trasladamos ao goberno local unha batería de medidas para axudar na loita contra o coronavirus

Henrique del Río é o voceiro do BNG
Henrique del Río é o voceiro do BNG

“Cremos que a nosa veciñanza demanda de nós altura de miras e propostas para entre todos vencer o coronavirus e con ese ánimo trasladamos estas propostas”

Trasladamos ao goberno local unha batería de medidas para axudar na loita contra o coronavirus

Betanzos, 25 de marzo de 2020. O BNG trasladou ao goberno local unha batería de medidas para axudar na loita contra o coronavirus no Concello de Betanzos. As suxestións das nacionalistas foron presentadas nunha xunta de portavoces que se celebrou esta mañá por medio de videoconferencia.

“Estas propostas contaron con contribucións de profesionais de diferentes áreas sanitarias, sociais, etc” explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Entendemos que veñen complementar as que foi tomando o goberno local até a data, que xa respaldamos mesmo antes do estado de alarma”, abundan desde o BNG.

O portavoz municipal do BNG sinalou que “cremos que a nosa veciñanza demanda de nós altura de miras e propostas para entre todos vencer o coronavirus. Con estas medidas que trasladamos ao goberno local a nosa veciñanza estará máis protexida e en mellor situación para loitar contra este virus e as súas consecuencias. Todo traballo é pouco e dende logo nós imos poñer todo o noso esforzo ao servizo da veciñanza de Betanzos”.

Coordinación do voluntariado

Entre as medidas que se propoñen no documento do BNG destacan a creación dun rexistro de voluntariado de profesionais (psicólogos, profesionais sanitarios desempregados etc. ) que poidan facer labores de atención e acompañamento telefónico a persoas maiores, soas ou necesitadas. “O pobo galego é de natural solidario, pero entendemos que debe coordinar e canalizar estas achegas o Concello”, engadiu.

Medidas fiscais para paliar as dificultades económicas

Outro dos eixos son as medidas fiscais e económicas para paliar os dramas que está a motivar o coronavirus. Entre estas medidas, no BNG propoñen un plan para suprimir taxas e impostos municipais a persoas e empresas afectadas, ou  a posibilidade de axudas directas a persoas en estado de necesidade.

Neste sentido, as nacionalistas avogan por tomar medidas cara a devolución de taxas e prezos públicos de servizos non emprestados efectivamente, de taxas como as de ocupación de vía pública por terrazas e comercios ou as de feiras e mercados, e  avaliar o cobro de taxas municipais como o de subministro de auga para garantir que ningunha persoa quede sen servizos por falta de ingresos para poder facer fronte aos pagos.

Garantir unha alternativa para a alimentación das crianzas con bolsa de comedor

O nacionalista propuxo tamén que se garanta unha alternativa alimentaria ao alumnado con bolsa total no comedor escolar e mañanceiros. “Ben levandolles o xantar  á casa ou a compra da alimentación para o alumnado que habitualmente recibe bolsas de comedor e xantar no colexio”,  explicou Del Río.

Un mercado virtual para apoiar ao comercio que segue aberto

O BNG propuxo tamén organizar un “mercado virtual” mediante unha listaxe web de comercios de primeira necesidade abertos e de produtores locais que fan envío ou reparto domiciliario. “É unha medida modesta para apoiar un sector estratéxico hoxe, pero obviamente para o día despois haberá que poñer en marcha todas as medidas precisas para amortecer o impacto desta crise ao alcance do Concello”, engade Del Río.

“O goberno local sabe que conta co noso apoio para as medidas adoptadas até a data e o compromiso de aportar canto na nosa man estea, na medida dos nosos medios e posibilidades, para garantir a saúde da nosa veciñanza e buscar que esta crise teña o menor impacto posíbel na nosa veciñanza”, asegurou o nacionalista.

Trasladamos ao goberno local unha batería de medidas para axudar na loita contra o coronavirus