Del Río: “O PSOE anuncia que incrementa os fondos das bolsas, pero o máximo de renda é o mesmo"

Del Río: “O PSOE anuncia que incrementa os fondos das bolsas, pero o máximo de renda é o mesmo"

Desde o BNG cuestionan que abrir o prazo para solicitar as bolsas en agosto sexa o mellor momento.

Betanzos, 24 de xullo de 2013. O BNG celebrou que o goberno local do PSOE decidise ampliar os fondos para as bolsas municipais para material escolar logo de negar varias veces no Pleno que fose preciso facelo, como demandaban os nacionalistas. Con todo, desde o BNG cuestionan que abrir o prazo para solicitar as bolsas en agosto sexa o mellor momento.

“O PSOE anuncia que incrementa os fondos, pero resulta que o máximo de renda para pedir estas axudas segue sendo o mesmo”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas explican que “o tope para poder pedir esta axuda son 412 euros per cápita, polo que unha familia cun fillo e con dous soldos, un de 900 euros e o outro a axuda familiar de 400 sen pagas extras, non podería pedila porque sería unha renda per cápita de 490 euros mes”.

Seguindo con este exemplo “bastante corrente e ao que calquera mesmo pode poñer nomes e apelidos”, os nacionalistas aseguran que “neste caso, aínda que sobrase crédito non se lle daría a bolsa”. As bases aprobadas polo goberno local do PSOE prevén que a cantidade sobrante, logo de adxudicarse segundo estes criterios de renda, non se reparte en función da renda.

Ademais, desde o BNG cuestionan que o PSOE volva escoller como criterio para medir a capacidade económica das familias a declaración da renda de 2012. “No caso que comentabamos se neste ano acaban de quedar un dos proxenitores no desemprego e outro sen axuda familiar tampouco poderían optar á axuda para material escolar aínda que neste momento non percibiran ingreso ningún”, explica o voceiro nacionalista.

Os nacionalistas cuestionan que a hipoteca da vivenda habitual non desconte á hora de medir a renda como si o fan os gastos de alugueiro. “Os gastos en vivenda deberan desgravar en calquera caso xa que é un ben básico, non é de recibo que se intente culpabilizar ás persoas que con todas as facilidades por parte dos gobernos anteriores para fomentar o ‘boom’ da construción están neste momento facendo un tremendo esforzo para non ser desafiuzadas das súas vivendas”, indican.

Ademais, segundo as bases só poderán pedir a axuda persoas censadas en Betanzos con fillos nos colexios públicos e concertados da localidade. “E que pasa cos pais e nais betanceiras que mandan aos seus cativos ao colexio público a outra localidade por motivos laborais?” pregúntanse os nacionalistas.

Desde o BNG lamentan, ademais, que a orde de axudas non contemple a situación das vítimas de violencia machista. “Moito alardear na prensa do plan de igualdade pero á hora de levalo á práctica sempre se esquecen ”, ironiza Del Río. “Iso por non falar da linguaxe sexista na propia convocatoria. O Plan de Igualdade está ben como medida publicitaria pero despois nunca se aplica na práctica”.

“A contía da bolsa unha vez concedida non é progresiva, é a mesma sexa cal sexa a renda da familia beneficiaria, 80 euros en todo caso”, indican desde o BNG, que entenden que esta axuda debera ser progresiva para garantir o acceso a maiores fondos por parte dos que menos teñen.

Os nacionalistas lamentan que o goberno do PSOE non tivese en conta as observacións feitas o pasado ano para mellorar a xustiza das bases para as bolsas de material escolar. “Agosto non parece o mellor mes para que a xente estea pendente dunha convocatoria deste tipo”, indica o voceiro do BNG, que entende que “se o goberno local tivese feitos os deberes en tempo, esta convocatoria debía terse feito no último mes do curso escolar, para que todas as familias se enterasen”.

Do mesmo xeito, o voceiro nacionalista lembrou que “o goberno local do PSOE volveu votar a favor da nosa moción para facer unhas bolsas para actividades extraescolares de forma que ningún cativo quede sen acudir por problemas económicos”. Sen embargo, “aínda nada se sabe deste asunto, se cadra están agardando para sacar a convocatoria das axudas no medio das vacacións escolares de Nadal”, ironizou.

Del Río: “O PSOE anuncia que incrementa os fondos das bolsas, pero o máximo de renda é o mesmo"