Propuxemos cubrir de inmediato a baixa no Liceo para garantir a actividade cultural

Del Río intervén nun acto no Salón Azul do Edificio Arquivo

“Esta situación era perfectamente coñecida desde hai anos por un goberno local que adiou conscientemente calquera solución a este problema”.

“Se o Concello considerase prioritarios os servizos culturais sería posíbel iniciar de inmediato o proceso para cubrir a vacante”

Propuxemos cubrir de inmediato a baixa no Liceo para garantir a actividade cultural

“Esta situación era perfectamente coñecida desde hai anos por un goberno local que adiou conscientemente calquera solución a este problema”.

“Se o Concello considerase prioritarios os servizos culturais sería posíbel iniciar de inmediato o proceso para cubrir a vacante”

Betanzos, 1 de febreiro de 2017. No pleno celebrado no día de onte, 31 de xaneiro, o grupo local do BNG levou unha moción de urxencia sobre o peche do Edificio Arquivo (o “Liceo”), a causa da xubilación do seu conserxe. A falta de previsión provocou xa o peche da sala municipal de exposicións, do Salón Azul, da Aula de Cultura, así como de todas as dependencias que non fan parte das oficinas xerais do Concello. Unha consecuencia colateral foi a cancelación de exposicións xa programadas para o presente mes de febreiro.

No BNG lamentan a falta de previsión do goberno local, xa que “a persoa que se acaba de xubilar viña emprestando servizos en situación de prórroga, pois había anos que sobrepasara a idade de xubilación”. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, puntualizou que “non se tratou dunha prexubilación difícil de prever, como a da Escola Infantil, senón dunha situación perfectamente coñecida desde hai anos por un goberno local que adiou conscientemente calquera solución a este problema”.

As nacionalistas recriminan ao goberno local que hai menos dun ano si se tivese mostrado insubmiso á Lei Montoro para contratar unha patroa para a Diana Cazadora, “un posto que nin existe na Relación de Postos de Traballo nin depende de ningunha subvención e que tampouco responde a unha situación excepcional.” “Para cousas prescindíbeis, coma festas ou a lancha, o PSOE nunca ten problemas en atopar a maneira de contratar persoal, pero para os servizos que se usan a diario nunca se pode”, ironiza Del Río.

O portavoz do BNG afirmaba que no caso do peche do Edificio Arquivo “si que estamos nunha situación excepcional” e por iso pide ao goberno que rectifique e que solucione o problema canto antes dado que para as nacionalistas non se trata dunha cuestión de legalidade, senón de desleixo, de falta de interese real en fornecer servizos culturais básicos.

“Se o goberno español non impediu a contratación da patroa, moito menos vai negar unha política cultural ao longo do ano no municipio, logo de investir centos de milleiros de euros públicos en construír equipamentos culturais”, afirmaba rotundo Henrique del Río.

O BNG reclama, pois, que se cubra esta vacante convocando o oportuno proceso selectivo para contratar persoal municipal. Entenden que é básico para garantir servizos culturais para Betanzos e a súa comarca e negan que o problema estea na lei Montoro, senón “na mala xestión de persoal e a falta de resposta e solucións” por parte do goberno do PSOE.

Propuxemos cubrir de inmediato a baixa no Liceo para garantir a actividade cultural