Propoñemos bonificar as propiedades vinculadas ao sector primario para compensar o “catastrazo”

Henrique del Río é o voceiro do BNG
Henrique del Río é o voceiro do BNG

Os nacionalistas piden que se aplique a bonificación ás construcións vinculadas ao sector primario como aprobou o Pleno no mes de abril. Para compensar esta baixada, o BNG propón dúas vías: que paguen o IBI os bens da igrexa non suxeitos ao concordato e que se grave as segundas vivendas baleiras. 

Propoñemos bonificar as propiedades vinculadas ao sector primario para compensar o “catastrazo”

Os nacionalistas piden que se aplique a bonificación ás construcións vinculadas ao sector primario como aprobou o Pleno no mes de abril. Para compensar esta baixada, o BNG propón dúas vías: que paguen o IBI os bens da igrexa non suxeitos ao concordato e que se grave as segundas vivendas baleiras. 

Betanzos, 9 de novembro de 2016. O BNG propuxo esta mañá, diante do Pleno extraordinario urxente convocado onte polo goberno local para modificar a ordenanza do IBI,  bonificar as propiedades vinculadas ao sector primario -actividade agraria ou gandeira-, obxecto da regularización catastral imposta polo goberno español do PP. “En abril aprobouse unha moción do BNG que pedía non exixir ás persoas propietarias pagos retroactivos en exercicios anteriores do IBI”, recorda o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “e pensamos que aproveitando que o goberno propón  modificar a ordenanza o lóxico é que recolla esta proposta que xa foi aprobada polo Pleno”. 

Para compensar esta baixada, o BNG propón dúas vías. Por unha banda, cobrarlle o IBI ás propiedades da Igrexa Católica- tanto o arcebispado como parroquias, ordes e congregacións relixiosas- polos inmobles non cubertos no Concordato. “Ingresarían, como calquera veciña, polos pisos, prazas de garaxe ou fincas que teñen”, explica o edil nacionalista.

A outra vía é establecer un recargo na contribución para a vivenda baleira. “Quen ten unha segunda vivenda baleira, sen alugar, é que ten unha situación económica desafogada, non precisa esa renda”, explican as nacionalistas. “Polo tanto, o xusto é que pague máis quen máis ten para axudar a soster servizos para quen menos ten”, afirma Del Río.

Desde o BNG aseguran que é posíbel, contra o que sostén o goberno local, establecer este recargo xa que “hai unha definición básica no INE, que define o termo vivenda baleira ou desocupada como: dispoñible para venda ou aluguer, ou simplemente abandonada”. Engaden que é unha maneira de reducir o 26% de vivenda baleira que ten rexistrado Betanzos, grande parte dela no Casco Histórico. “É un recargo que non só busca recadar, senón que está ligada á función social da propiedade, para potenciar o alugueiro de inmobles residenciais actualmente baleiros ou desocupados, fomentando o acceso á vivenda digna”, explica o edil do BNG. 

“Enviamos estas propostas ao goberno local agardando que as teñan en conta para mellorar a súa proposta de ordenanza”, concluíu o voceiro nacionalista. 

Propoñemos bonificar as propiedades vinculadas ao sector primario para compensar o “catastrazo”