Pedimos afondar na transparencia e participación do Concello

Henrique del Río é o voceiro do BNG

“A participación veciñal na redación das ordenanzas non é algo que permita o PSOE, como di o goberno local na súa nota, senón que é unha obrigación legal establecida no artigo 133 da Lei 39/2015”

“Cremos que a veciñanza ten dereito a saber canto nos custa exactamente ás betanceiras o goberno local”

Pedimos afondar na transparencia e participación do Concello


“A participación veciñal na redación das ordenanzas non é algo que permita o PSOE, como di o goberno local na súa nota, senón que é unha obrigación legal establecida no artigo 133 da Lei 39/2015”

“Cremos que a veciñanza ten dereito a saber canto nos custa exactamente ás betanceiras o goberno local”

Betanzos, 3 de xuño de 2017. O BNG reclamou ao goberno local que aclare por que se nega a “poñer paredes de vidro ao Concello”. As nacionalistas explican que “presentamos seis folios de achegas á ordenanza de transparencia para garantir o dereito da veciñanza a acceder a toda a información do Concello pero o PSOE non as incorporou”.

As nacionalistas cuestionan que o goberno local se negue a garantir maior transparencia en torno ás subvencións que o Concello outorga, sexan en procedementos abertos ou “a dedo”. “Ademais dun plan de subvencións que non hai, entendemos que a veciñanza ten dereito a coñecer os proxectos das entidades que financia cos seus impostos e as finalidades que perseguen” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Outras das demandas do BNG era publicar todo o relativo ás entidades das que o Concello é socio ou integrante e aporta cartos- Consorcio das Mariñas, Consorcio de Benestar, Asociación do Camiño Inglés, etc- e, sobre todo, “daquelas entidades onde o Concello aportou o 50% ou máis do seu capital fundacional, como é o caso da Fundación CIEC”. “Se os nosos cartos van para estas entidades, o lóxico é que poidamos saber en que se gastan, canto aportamos, quen o decide...” explica o edil nacionalista.

“Cremos que a veciñanza ten dereito a saber canto nos custa exactamente ás betanceiras o goberno local” explica Del Río. “A veciñanza ten dereito a saber, ademais dos soldos, que e canto lle paga ao goberno e a diferenza co resto da Corporación, para opinar fundamentadamente e non pensar que todos os concelleiros teñen soldo, coche e teléfono do Concello porque é inxusto pensalo”, explica.

Para o BNG, non facer públicos todos estes gastos do Concello é unha cuestión de vontade política. “O PSOE non quere que se saiba, eles saberán por que”, explica Del Río. “Non é unha cuestión de imposibilidade técnica, como aseguraron no Pleno, é que non queren que se saiba”, puntualiza, “pero van ter que dala igual porque hai dúas leis de transparencia que obrigan a dar estes datos a quen os pida”.

O BNG votou, malia non incorporar case ningunha achega nacionalista, a favor da ordenanza. “Se a cumpren, vai ser algo positivo” explica Del Río. “Agardamos que esta ordenanza sexa das que o goberno local decide cumprir, non como está a acontecer coa do uso do galego aprobada o pasado ano”, ironizou.

A obriga da imparcialidade dos medios de comunicacion municipais

Unha das propostas do BNG foi establecer na ordenanza a obriga dos medios de comunicación municipais- radio, web, redes sociais e gabinete de prensa- de informar con veracidade á veciñanza, sen falsear a información. “O PSOE negouse a establecer un criterio esencial de ética xornalística que se pon en calquera radio ou televisión pública” explica Del Río.

“E onte mesmo volveu enviar unha nota de prensa baseada nunha mentira” denuncia. “A participación veciñal na redación das ordenanzas non é algo que permita o PSOE, como di o goberno local na súa nota, senón que é unha obrigación legal establecida no artigo 133 da Lei 39/2015” explica Henrique del Río. “Non é algo que decida o goberno local, non é que de repente lles dea pola participación veciñal, simplemente é unha obriga legal e estanlle mentindo á xente ao pretender facer ver que é algo que o alcalde e o seu segundo permiten porque eles queren e cren na participación veciñal”, conclúe.

Pedimos afondar na transparencia e participación do Concello