Pedimos un Pleno extraordinario para aprobar proxecto e financiamento para rehabilitar o Pasatempo

Un acto do BNG no Pasatempo


“O Concello ten un proxecto de rehabilitación de 1,3 millóns, co POS+Betanzos recibe máis de 729 000 euros e podemos cambiar o obxecto do convenio do paseo do río, de 544 000 euros. Todo depende de que o goberno local se aclare nas súas prioridades e decida que está antes, rescatar un patrimonio único da ruína definitiva ou rebachear camiños para facer electoralismo”

Pedimos un Pleno extraordinario para aprobar proxecto e financiamento para rehabilitar o Pasatempo

“O Concello ten un proxecto de rehabilitación de 1,3 millóns, co POS+Betanzos recibe máis de 729 000 euros e podemos cambiar o obxecto do convenio do paseo do río, de 544 000 euros. Todo depende de que o goberno local se aclare nas súas prioridades e decida que está antes, rescatar un patrimonio único da ruína definitiva ou rebachear camiños para facer electoralismo”

Betanzos, 16 de febreiro de 2017. O BNG pediu que o alcalde convoque un Pleno extraordinario para aprobar o proxecto de rehabilitación do Pasatempo e destinar a esta fin os fondos do POS+ e mais o convenio para o paseo do Mandeo unha vez que o proxecto foi anulado. “Podiamos perdernos en reclamar que o goberno asuma as súas responsabilidades polo derrubamento e perda dun mural, pero non hai un segundo que perder se queremos conservar o parque”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas explican que, segundo informou o propio goberno local, o Concello ten un proxecto de rehabilitación de todo o recinto histórico do Pasatempo valorado en 1,3 millóns de euros. “O proxecto leva no Concello cando menos desde setembro”, indica Del Río, que detalla que “o goberno enviou varios comunicados de prensa anunciando que buscaba financiamento cando o ten na súa man”.

Así, desde o BNG indican que o POS+ da Deputación destinará, en todos os seus conceptos, un total de 729 976,28 euros a Betanzos. “Máis do 56% do proxecto pode financiarse directamente co POS+”, explica Del Río. As nacionalistas engaden que, ademais, os 543 921,87 euros do convenio para o paseo do Mandeo poden redirixirse a esta intervención se o Pleno do Concello o aproba. “O Concello puido e pode solicitar o cambio de obxecto do convenio e destinar esa achega a outro proxecto distinto, pero esa petición non se fixo en ningún momento”, segundo unha carta que a Deputación fixo chegar en resposta a unha petición de información do BNG. “Sería necesario que o Concello xestione a colaboración necesaria para financiar a recuperación” do parque, engade.

Deste xeito, para o BNG fica claro que “o Concello ten os recursos necesarios ao alcance da man para executar o proxecto de rehabilitación integral do Pasatempo de 1,3 millóns de euros”. “Iso si, o goberno local ten que aclararse nas súas prioridades e decidir que está antes, rescatar un patrimonio único da ruína definitiva ou rebachear camiños para que o alcalde faga electoralismo cos cartos de todas”, explica Del Río.
Por este motivo, o BNG pediu hoxe a convocatoria dun Pleno extraordinario e urxente para aprobar o proxecto de recuperación do Pasatempo, que o goberno nunca presentou a Pleno, acordar o cambio de destino do convenio do paseo e completar os 1,3 millóns do proxecto cunha parte do POS+.

Demanda dun orzamento para 2017 con partidas para o Pasatempo

As nacionalistas reclamaron ao goberno local que presente “xa” un borrador de orzamentos aos grupos da Corporación para aprobalo xa. “Estamos xa en febreiro e no prorrogado non se poden contemplar investimentos” explica Del Río. O edil do BNG recorda, ademais, que no orzamento prorrogado- o que pactaron PSOE, BN e BeC en 2016, “non había ningunha partida para o Pasatempo”. “Nós emendamos as contas por este motivo, pero vetaron a nosa achega”, lembra.

Pedimos un Pleno extraordinario para aprobar proxecto e financiamento para rehabilitar o Pasatempo