Lamentamos a caída de dúas casas da Xunta no Casco Histórico

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun recanto do Casco Histórico
O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun recanto do Casco Histórico

Levamos moito tempo pedíndolle fondos á Xunta para rehabilitar as casas que comprara no Casco Histórico e demandándolle ao Concello que, como a calquera outro propietario cunha casa que ameaza virse abaixo, expedientase ao goberno galego por mantelas en ruínas”

Lamentamos a caída de dúas casas da Xunta no Casco Histórico

Betanzos, 12 de decembro de 2019. O BNG lamentou o derrubamento de dúas vivendas baleiras, producido esta mañá na rúa da Cerca. "Consideramos moi grave que teñamos que acabar o ano tal e como empezara, con dous derrubos máis no Casco Histórico, o que evidencia que estamos nunha situación moi preocupante que exixe que o Concello actúe xa", explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas consideran “un exemplo terríbel” o feito de que as casas desplomadas fosen propiedade da Xunta desde hai anos. “Levamos moito tempo pedíndolle fondos á Xunta para rehabilitar as casas que comprara no Casco Histórico e demandándolle ao Concello que, como a calquera outro propietario cunha casa que ameaza virse abaixo, expedientase ao goberno galego por mantelas en ruínas”, recorda o edil nacionalista. “Xunta e Concello, PP e PSOE, levan anos pasando a pataca quente do Casco Histórico duns a outros, sen actuacións de fondo que revirtan a súa ruína” advirten.

"Hai que actuar xa", enfatiza, "con mercar unhas casas a Xunta non se amaña a situación límite do Casco Histórico". "Estamos perdendo o noso maior activo e o que podería ser a nosa maior fonte de riqueza e ademais é un risco para a veciñanza", advirte.

O BNG demanda ao goberno local que tome medidas “agora” en defensa do Casco Histórico, tanto para protexer o patrimonio como para garantir a seguridade da veciñanza. "Fai falta un proxecto claro de rehabilitación do Casco Histórico, crear as condicións para que sexa un barrio para vivir e traballar que é algo que o goberno do PSOE non asume", explica Del Río. “A única política, activa e con decisións de calado para revertir esta situación, relativa ao Casco Histórico que se levou a cabo nas últimas 3 décadas foi durante o breve período, aínda non catro anos, en que o BNG creou e dirixiu a concellería do mesmo nome impulsando o, polo de agora, único plan de recuperación da zona monumental”. Recorda. "Nós témolo, e temos claro que é posíbel igual que o foi en Allariz, Ribadeo ou Pontevedra e querémolo para Betanzos", conclúe.

Resolver o debate adiado da mobilidade no Casco Histórico

Precisamente, as nacionalistas presentan ao pleno do vindeiro martes unha moción para poñer o ramo ao debate, permanentemente adiado, da mobilidade no Casco Histórico. “Todos os Cascos Históricos vivos, que funcionan, que son un barrio e non un museo, restrinxiron o tránsito para convertirse en lugares de convivencia”, explica Del Río.

Actualmente está en vigor, con modificacións en canto a horarios, a ordenación do tráfico e aparcamento no Casco Histórico aprobada no ano 2007 durante o primeiro intento de regulación dos vehículos ao Casco Histórico, na época en que o BNG estaba encargado de xestionar as políticas do Casco Histórico”, recordan as nacionalistas. Mais tanto esta regulación como a ordenanza de tráfico, advirten, “pese a estar formalmente en vigor, estase incumprindo co consentemento dos diferentes gobernos locais desde aquela, tanto do PP como do PSOE, provocando na veciñanza unha situación de inseguridade sobre o que está ou non permitido”.

O BNG recorda o proxecto do parking express presentado polo goberno do PSOE, contestado no proceso de consulta pública veciñal cun amplo rexeitamento. “As persoas que participaron apostan maioritariamente por rexistrinxir o aparcamento e o acceso rodado ao Casco Histórico, como o BNG leva anos defendendo e como alí onde gobernamos demostramos que é un modelo positivo para a veciñanza e o comercio” abundan.

Por este motivo, demandarán do goberno local que defina a normativa de mobilidade no Casco Histórico, priorizando a mobilidade peonil, consonte ás conclusións dese proceso participativo e que convoque nun mes a comisión de tráfico para abordar e dictaminar a eventual revisión da normativa sobre mobilidade no Casco Histórico.

Lamentamos a caída de dúas casas da Xunta no Casco Histórico