"Electoralismo ou como gobernar só para seguir gobernando", análise de obras de última hora

"Electoralismo ou como gobernar só para seguir gobernando", análise de obras de última hora

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

"O goberno do PSOE utiliza os cartos de todos e todas para manterse no poder. En lugar de pensar no mellor para a veciñanza pensan no mellor para eles mesmos e en perpetuarse no poder como sexa. E nisto, como en moitas outras cousas, o mesmo dá PP que PSOE".

Betanzos, 13 de marzo de 2015. O xornal 'Betanzos e a súa comarca', que edita ACEBE CCA, trae nas súas páxinas un artigo de opinión do BNG, no que o noso portavoz, Henrique del Río, repasa con ironía as obras e anuncios que se suceden nas últimas semanas e a súa fin última. Polo seu interese reproducímolo a continuación.

Electoralismo ou como gobernar só para seguir gobernando

Nas últimas semanas estamos vendo como en Betanzos, e tamén nos concellos da comarca en maior ou menor medida, hai unha cantidade desmesurada de obras e amaños variados. Están amañando a rúa de San Francisco, pintando os pasos de peóns, amañando o palco da música, cambiando a pedra na Fonte de Unta, enchendo de pegotes de piche rúas e camiños, anunciaron que se vai cambiar o pasamáns que rompeu nun accidente no muro da estrada de Castela e sae continuamente na prensa propaganda da cantidade tremenda de obras que está facendo o goberno local e, por suposto, do que o PP na Xunta non fai.

Quen se preocupa dos problemas dos veciños e veciñas o resto dos 3 anos e nove meses que non son precampaña? Esta claro que o goberno local non

Nós estamos contentos de que por fin se preocupen dos problemas da veciñanza, que levamos anos denunciando, se moito éxito a verdade. De que os veciños e veciñas poidan ver solucionadas as súas demandas. Encantados. Só temos dúas dúbidas: Que vai pasar despois do 24 de maio? Pasan as eleccións e de novo imos estar 3 anos pedindo que pinten os pasos de peóns ou que amañen os camiños, sen ser escoitados? A segunda pregunta é aínda máis preocupante: Quen se preocupa dos problemas dos veciños e veciñas o resto dos 3 anos e nove meses que non son precampaña? Esta claro que o goberno local non.

 Cunhas obras xusto antes das eleccións pensan que nos vamos olvidar de que durante os últimos anos nunca nos tiveron en conta

Non só son obras. É o convenio colectivo dos traballadores municipais: 3 anos sen que ninguén os escoitase, mais en precampaña todo cambia. De repente o alcalde recupera o interese pola veciñanza e vai a todas as festas de Entroido, a todos os actos culturais. Sácase fotos asinando convenios, repartindo cartos públicos a dedo. Agora preocúpase polas parroquias e os barrios que tivo abandonados durante estes anos.

O goberno do PSOE utiliza os cartos de todos e todas para manterse no poder. En lugar de pensar no mellor para a veciñanza pensan no mellor para eles mesmos e en perpetuarse no poder como sexa. E nisto, como en moitas outras cousas, o mesmo dá PP que PSOE. Cunhas obras xusto antes das eleccións pensan que nos vamos olvidar de que durante os últimos anos nunca nos tiveron en conta. Só gobernan para seguir gobernando.

"Electoralismo ou como gobernar só para seguir gobernando", análise de obras de última hora