O BNG tilda de irreal a proposta de nova vivenda no PXOM

Un detalle do Plan onde se ve a nova vila que se debuxa en torno a Infesta, Casas Novas e Montellos (esquerda)
O BNG tilda de irreal a proposta de nova vivenda no PXOM

Un detalle do Plan onde se ve a nova vila que se debuxa en torno a Infesta, Casas Novas e Montellos (esquerda)

“Prevese ampliar nun 15% o polígono industrial cando das actuais 65 hectáreas de solo industrial, segundo o propio PXOM a metade están baleiras. Se sumamos os polígonos baleiros da comarca, inzados de plumachos, concluiremos que non hai demanda de solo industrial que xustifique este incremento”

Entre Infesta e Montellos prevese a construción dunha vila nova sen servizos, sen dotacións e sen transporte público ao centro en base a unha estación de tren que está pechada

Betanzos, 7 de novembro de 2014. O BNG valorou esta mañá en rolda de prensa a proposta de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) achegada polo goberno local do PSOE. Os nacionalistas lamentaron a opacidade na redacción do documento, tanto no documento de referencia como da proposta completa. “A lei permite publicar a proposta na web municipal, pero o PSOE non está polo labor”, resumiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas cuestionaron as previsións de crecemento esbozadas no PXOM. “De 2012 a 2013 Betanzos perdeu 120 veciños pero segundo o Plan que nos achegou o goberno local o noso concello vai medrar ao ritmo que o fixeron Sada ou Miño nas últimas dúas décadas, cando as previsións do Instituto Galego de Estatística é que a comarca no seu conxunto perda case 6000 habitantes cara 2023, que é a metade do tempo de vixencia do Plan”, explicou Del Río.

Neste sentido, o BNG tamén considera excesiva a demanda de vivenda que proxecta o Plan. “Co incremento do censo até 16 278 veciños que prevén, consideran que farán falta 2226 novas vivendas principais” explica. “Ademais entenden que nun escenario de crise vaise manter a demanda de edificación para segunda vivenda no 8% do pasado sen xustificar en base a que o afirman”, proseguiu. “E o que é mellor, aseguran sen motivar que o 25,20% de vivendas baleiras que actualmente ten Betanzos vaise reducir á metade a pesar de toda a nova construción proxectada”, indicou. “En base a proxeccións de poboación sen fundamento o Plan do goberno local asegura que aquí vaise seguir construíndo como antes de que estoupara a burbulla inmobiliaria”, resumiu, “xa que aseguran que a vivenda agardada en 2032 será de 2559 vivendas, a pesar do cal a capacidade máxima do PXOM será de 368 casas, mil máis das necesarias e a pesar do cal aseguran que se vai reducir a porcentaxe de vivendas baleiras”.

“O problema que desde o BNG vemos en todo este modelo é que canto máis aumente o número de vivenda de nova construción, e máis nun panorama de decrecemento demográfico, menos necesidade hai de rehabilitación e, como consecuencia, o Casco Histórico seguirá o seu declive porque a poboación se vai fomentar que se traslade a zonas novas”, lamentan os nacionalistas.

A ampliación do polígono industrial nun 15% máis da superficie actual tamén xera dúbidas nos nacionalistas. “Das actuais 65 hectáreas de solo industrial, segundo o propio PXOM a metade están baleiras”, explicou Del Río. “Se sumamos os polígonos baleiros da comarca, inzados de plumachos, concluiremos que non hai demanda de solo industrial que xustifique este incremento”, asegurou. “Entendemos que o planeamento de solo industrial debe facerse de xeito comarcal para evitar termos un polígono baleiro en cada concello”, indicou.

Entre Infesta e Montellos prevese a construción dunha vila nova sen servizos, sen dotacións e sen transporte público ao centro en base a unha estación de tren que está pechada

Ademais, desde o BNG cuestionan a pretensión que ten o goberno local de deseñar o que denominan “distrito sudoeste”, que supón a construción dunha nova vila en torno a Infesta, As Casas Novas e Montellos, con 467 novas vivendas nunha zona “sen servizos, sen dotacións, sen transporte público para baixar aos equipamentos do centro xa que as vías do tren cada vez tenden a ter menos frecuencias” e “xustificado a partir dunha estación de tren que é un simple apeadeiro e nunha zona onde existen varias industrias con alta incidencia ambiental como afirma o propio Plan”. “Por que aparece esta nova vila aquí é para ser moi mal pensado”, indicou Del Río.

“Estamos en contra deste modelo de cidade que vai promover unha nova vila sen servizos, en lugar de promover a rehabilitación e, se é necesaria algunha vivenda nova, a construción nos núcleos rurais ou no centro da cidade, respectando os ríos e o patrimonio que a fai diferente e con personalidade”, concluíu.

O BNG tilda de irreal a proposta de nova vivenda no PXOM