O BNG reclamará no Pleno a continuidade do servizo de transporte adaptado 065

O BNG reclamará no Pleno a continuidade do servizo de transporte adaptado 065

recurso065“Desde que o PP volveu á Xunta este Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias”.

Betanzos, 20 de marzo de 2014. O BNG presentou unha moción para demandar o mantemento do servizo de transporte adaptado do 065. Os nacionalistas recordan que este servizo, instaurado polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta, “constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español”.

“Varios veciños e veciñas nos teñen trasladado as súas queixas polas condicións en que a Xunta está a prestar o servizo”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Desde que o PP volveu á Xunta este Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias”, explican.

“O PP xustifica isto como unha presunta racionalización e eficacia, tradúcese simplemente no desmantelamento do servizo do 065” explican. Desta forma, “non atenden o desprazamento regular de persoas dependentes nin para garantir a mobilidade das persoas con maiores dificultades”. En cambio, “non teñen reparo en crear para o Consorcio de Benestar un transporte propio para as persoas usuarias dos seus centros” advirten.

“Isto é outro paso na eliminación dos programas e servizos públicos de dependencia e benestar que sufrirán novamente as persoas máis débiles, neste caso as que teñen maiores dificultades para se trasladaren e poder recibir atención como consecuencia do seu estado” denuncian.

“A decisión do goberno do PP vai provocar unha perda importante de postos de traballo”, engade Del Río. Por este motivo o BNG propoñerá ao Pleno que se demande á Xunta frear o desmantelamento do 065 e garantir o desprazamento dos dependentes.

O BNG reclamará no Pleno a continuidade do servizo de transporte adaptado 065