O BNG reclama a rehabilitación do lavadoiro das Cascas

Interior do lavadoiro
Interior do lavadoiro

A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, demandou prazos concretos ao goberno local para levar a cabo a cuarta fase da rehabilitación do lavadoiro das Cascas.

O BNG reclama a rehabilitación do lavadoiro das Cascas

Betanzos, 30 de marzo de 2021. Na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo, a concelleira nacionalista, Amelia Sánchez, urxiu a execución do anunciado proxecto de rehabilitación do lavadoiro das Cascas. O edificio, único no seu xénero, presenta un estado de deixadez e abandono no seu interior moi considerábel.

Segundo Sánchez, “o goberno local anunciou en abril do ano 2019, en plena precampaña das municipais, novas obras esta vez no interior do lavadoiro das Cascas, despois de que fose pintado e amañado o exterior con cargo ao POS da Deputación da Coruña de anos anteriores”.

Este anuncio tería a ver cunha suposta cuarta fase da rehabilitación do lavadoiro que os García Naveira deixaron á veciñanza de Betanzos e permitiría a completa recuperación deste espazo tan emblemático. Non obstante, “desde aquel anuncio en campaña electoral non se volveu ter coñecemento destas obras e o interior do edificio do lavadoiro segue na mesma situación en que estaba”, afirmou a voceira nacionalista.

Sen fondos nos orzamentos para recuperación do patrimonio histórico

Desde o BNG esixen prazos concretos ao goberno local para comezar a anunciada rehabilitación así como das partidas orzamentarias contra as que se cargarían estas obras. “No orzamento recentemente aprobado non figuran fondos para esta nin ningunha outra actuación sobre o patrimonio histórico alén da achega obrigatoria ao convenio da Deputación para o Pasatempo” recorda Sánchez. 

“Nós cremos que en Betanzos o patrimonio debería ser unha prioridade para calquera goberno porque é o que nos fai únicas e o que marca a diferencia co entorno para crear emprego e riqueza” abunda.

O BNG reclama a rehabilitación do lavadoiro das Cascas