O BNG reclama participación veciñal como condición para a negociación do orzamento

O BNG reclama participación veciñal como condición para a negociación do orzamento

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

Esta mesma demanda foi trasladada ao goberno do PSOE en 2012 “e polo que se ve nin daquela nin entón o PSOE está polo labor de escoitar á veciñanza”.

Betanzos, 19 de maio de 2014. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, anunciou que “estamos estudando a proposta de orzamentos que o goberno local do PSOE nos achegou o pasado 16 de maio”. Segundo o edil nacionalista “xa é moi mal comezo empezar a falar dos orzamentos rematando maio, cando tiñan que estar aprobados o 1 de xaneiro”.

O voceiro do BNG recordou que “Betanzos leva sen orzamento desde 2012 porque o goberno do PSOE decidiu pasar por alto as súas obrigas”. Neste sentido, lembrou igualmente que “as contas do 2012 recibiron ducias de alegacións e requiriron de deceas de modificativos porque non se axustaban nin de casualidade á realidade”.

“Haberá moito que mirar e falar” indicou o edil nacionalista, mais advertiu que “elaborar os orzamentos de xeito participativo é un compromiso que o BNG adquiriu coa veciñanza e ao que non vai renunciar”. Nesta liña, recordou que esta mesma demanda foi trasladada ao goberno do PSOE en 2012 “e polo que se ve nin daquela nin entón o PSOE está polo labor de escoitar á veciñanza”.

O orzamento participativo supónmaior transparencia do gasto público porque a veciñanza saberá en que se vai gastar e avaliará se se fixo ou non

Por este motivo, desde o BNG reclaman ao goberno local “que convoque a toda a veciñanza a xuntanzas nos distintos barrios e parroquias para recoller as súas demandas”. “Defendemos elaborar os orzamentos de xeito participativo e imos cumprir, desde a nosa parte de responsabilidade, os nosos compromisos”, indicou.

“Comprometémonos a impulsar un orzamento participativo e iso é o que lle exiximos ao goberno local” apuntou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, “que presente á xente o seu proxecto e que escoite as demandas da rúa”. Os nacionalistas retan ao executivo local a “dar voz” ás veciñas e veciños para fixar as prioridades do gasto. “O método escollido polo goberno do PSOE non nos parece acaído, xa que pensamos que esta dando as costas aos veciños e veciñas para antepoñer a súa comenencia electoral”, recoñeceu.

Desde o BNG insisten en que o orzamento participativo supón, ademais, maior transparencia do gasto público. “Os veciños saberán en que se vai gastar e avaliarán se se fixo ou non”, indicou Del Río. Para os nacionalistas, a “luz e taquígrafos” que queren aplicar ao debate orzamentario “é unha proba de que cando o BNG fala de transparencia, practica a transparencia” e retan aos outros grupos a “aplicarse o método”.

“Por agora, non imos facer unha valoración do documento porque aínda o estamos estudando, pero insistimos en que o método utilizado para a súa elaboración nos non parece o correcto”, concluíron.

O BNG reclama participación veciñal como condición para a negociación do orzamento