O BNG propón que a matricula no Conservatorio se pague en función da renda familiar

O BNG propón que a matricula no Conservatorio se pague en función da renda familiar

Os nacionalistas avogan por incluír exencións nas taxas municipais para desempregados, persoas en risco de exclusión social e mulleres vítimas de violencia machista.

Betanzos, 15 de novembro de 2012. O BNG presentou esta mañá as súas propostas para minimizar os efectos da subida de impostos municipais que o PSOE propón para o vindeiro ano. Henrique del Río explicou que cos tributos municipais “tamén se pode facer unha modesta contribución para compensar ás persoas que máis están sufrindo os efectos da crise e das medidas terríbeis que o PP está adoptando”. Por este motivo, o BNG aposta “porque as persoas sen emprego e a xente nova teñan descontos nas actividades culturais”.

O BNG conseguiu o ano pasado que non pagaran os dereitos de exame no Concello as persoas desempregadas. “A situación económica é evidente que non fixo mais que empeorar no último ano para a maioría dos nosos veciños e veciñas e por iso entendemos que hai que ir máis alá, afondar nas medidas que poñan a prioridade na xustiza social, en compensar esta situación na medida das nosas posibilidades”, explicou o voceiro nacionalista. Nesta liña, o BNG aposta agora por ampliar esta exención a colectivos en risco de exclusión social, mocidade e mulleres maltratadas.

De igual forma, os nacionalistas apostan por conxelar as taxas para o pequeno comercio e autónomos. Contra a proposta do PSOE, o BNG propuxo conxelar as taxas de licenza de autotaxi e as de apertura de negocios de pequeno comercio e farmacias, subíndolle o IPC á apertura de oficinas bancarias e superficies comerciais maiores de 250 m2. “O pequeño comercio e autónomos xa están sufrindo bastante o peso da situación económica coa subida do IVE e do IRPF e no BNG entendemos que non é xusto, nin sostíbel para o pequeno comercio”, indicou Del Río.

O BNG propón unha matrícula progresiva para o Conservatorio

Os nacionalistas lamentan que o goberno local do PSOE non teña unha proposta concreta para as matrículas do Conservatorio. “O goberno presentou tres alternativas: conxelar a taxa máis baixa das actuais e xeneralizala ou aplicarlle a esa taxa unhas subas que serían de 43,95 ou 155,62 euros”, explicou Henrique del Río. As tres propostas son para acabar coa diferente matrícula segundo o alumnado estea ou non empadroado en Betanzos.

“O PSOE explicounos que non se pode manter esta diferenciación porque non é legal e que ademais hai unha recomendación neste sentido do Valedor do Pobo”, informou o nacionalista. Lembrou, ademais, que o BNG xa propuxo no Pleno crear unha mancomunidade de concellos na comarca e cederlle servizos como o Conservatorio para acabar con estas situacións e porque “non tería sentido abrir outros conservatorios nos concellos limítrofes xa que non hai demanda suficiente para este servizo”.

“O BNG propón unha matrícula progresiva, en distintos escalóns segundo o nivel de renda de forma similar á escola infantil municipal”, explicou o voceiro do BNG, que afirma que “coa nosa proposta obtense unha maior xustiza social, garántese que todo o mundo pode cursar estudos no Conservatorio con independencia do seu nivel de renda”. “No BNG propoñemos tamén que se contemple a posibilidade de que as familias en risco de exclusión social, as que teñan todos os seus membros no desemprego ou as de mulleres vítimas de violencia machista estean exentas desta taxa”, indicou.

“O goberno non pode trasladar a responsabilidade desta decisión á oposición”, advertiu o voceiro do BNG. “É lamentábel que nunha decisión deste calado, que afecta ao dereito a acceder ao ensino, o PSOE non teña unha proposta clara, que non saiba o que quere facer”, apuntou. En calquera caso, o BNG entende que a diferenza non está en onde reside a persoa senón na capacidade que teña para asumir este gasto “é o mesmo caso que as bolsas que propuxemos para actividades extraescolares ao principio do curso escolar, temos que facilitar que ningunha persoa que queira participar nunha actividade financiada con cartos públicos se quede fóra por motivos económicos”.

O BNG propón que a matricula no Conservatorio se pague en función da renda familiar