O BNG propón incluír no Plan de Obras da Deputación o amaño da escola infantil

Marca das pingueiras no corredor da escola infantil de San Francisco
O BNG propón incluír no Plan de Obras da Deputación o amaño da escola infantil

O goberno de Ramón García quería subir 50 euros a asistencia a clase na escola infantil municipal

As nacionalistas demandan que se reserve polo menos o 25% do plan de obras para investimentos no Casco Histórico, “unha aposta en firme por un investimento continuado no Casco Histórico”

Betanzos, 1 de decembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propuxo destinar parte do plan de obras da Deputación a amañar as numerosas deficiencias da escola infantil municipal. O pasado martes as nacionalistas demandaron no Pleno que se solucionasen problemas como “pingueiras nos corredores, manchas de humidade e desprendemento de enlucidos” no edificio das antigas escolas de San Francisco.

O voceiro nacionalista, Henrique del Río, indicou, ademais, que profesorado e pais e nais demandan igualmente que se suprima “ unha piscina de area sen uso” na que se asean os gatos do vecindario co conseguinte problema que isto supón para as nenas e nenos. “Suxeríronnos aproveitar o cuberto no que está esta piscina de area para poder deixar aí os carriños dos bebés e recuperar o aseo no que actualmente teñen que deixalos”, explica.

No Pleno, desde o BNG-Asembleas Abertas advertiron, tamén, do malestar entre profesorado e pais e nais polo estado dos aseos do patio do recinto, estragados polo paso do tempo por non facérselles un mantemento atinado. Do mesmo xeito, demandaron que se solucionen os problemas de filtracións dos ventanais do edificio, que segundo explicaron as propias profesoras aos nacionalistas nunha visita as pasadas semanas, “filtran ao interior do edificio auga, vento e frío”.

Marca das pingueiras no corredor da escola infantil de San Francisco

Esta mañá, no transcurso da xunta de portavoces, o edil do BNG-Asembleas Abertas demandou que todas estas reparacións urxentes do edificio se incluísen nun plan de obras da Deputación. “Entendemos que solucionar todos estes problemas da escola infantil municipal debería ser unha actuación prioritaria para o goberno local” explica Del Río. As nacionalistas consideran urxente poñer fin aos problemas da escola infantil municipal.

“Falamos dun servizo básico como a educación”, insisten. Neste sentido, demandan ao goberno local que sexa áxil na tramitación do proxecto para non alongar a situación do centro educativo. “Desde que propuxemos facer a marquesiña da entrada, tamén nun plan da Deputación, até que realmente se fixo pasaron tres anos”, recorda Del Río. “O goberno local botoulle a culpa a Patrimonio e á suposta complexidade técnica de construíla, mais en realidade foi que ao PSOE non lle levaba idea facer esta obra que demandaban os pais e nais”, relata. “Agora se trata xa de eivas que afectan á propia calidade do servizo e que poden afectar mesmo á saúde de alumnado e docentes, agardamos que non se repita o conto”, desexan.

25% dos plans para investimentos no Casco Histórico

O BNG-Asembleas Abertas tamén propón que en todos os plans de obras da Deputación se reserve o 25% dos fondos para investimentos no Casco Histórico. Sinalan que hai moitas rúas da zona monumental na que se precisa renovar canalizacións e instalar novos servizos, e citan a modo de exemplo as travesías de Santa María ou a rúa Nova. “Apostamos firmemente polo Casco Histórico como motor económico de Betanzos e comarca, queremos adaptar o modelo de Allariz á nosa cidade”, explica Del Río.

“É unha aposta en firme por un investimento continuado no Casco Histórico e pensamos que é unha novidade e tamén un primeiro paso na aposta por un modelo que o BNG ven defendendo desde hai anos”, conclúen.

O BNG propón incluír no Plan de Obras da Deputación o amaño da escola infantil