O BNG propón elevar a limitación de velocidade na circunvalación fóra do horario lectivo

O BNG propón elevar a limitación de velocidade na circunvalación fóra do horario lectivo

Acto do BNG-Asembleas Abertas na Condesa

Del Río: “boa parte das queixas que recibimos refírense á instalación do radar móbil do Concello, en horario de fin de semana, nesa mesma vía, cun afán claramente recadatorio”

Betanzos, 30 de novembro de 2015. O BNG-Asembleas abertas trasladou ao Pleno a demanda veciñal de que o límite de velocidade de 30 km/h na circunvalación se manteña unicamente durante o horario escolar. “Temos recibido numerosas queixas sobre a limitación a 30 km/h na avenida de circunvalación durante as fins de semana e períodos non lectivos”, explicou o portavoz do BNG-Asembleas abertas, Henrique del Río.

“Compartimos a necesidade de limitar a velocidade na zona escolar mentres duran o horario lectivo e as actividades extraescolares” explican desde o BNG-Asembleas Abertas. As nacionalistas aseguran compartir tamén o malestar veciñal porque fóra dese horario unha estrada como a da circunvalación podía ter perfectamente o límite xenérico de 50 km/h que rexe para o resto de zonas urbanas, “atendendo precisamente ao seu carácter de circunvalación”.

“Noutros municipios, en vías cunha realidade similar establécese a limitación dos 30 km/h só durante o horario lectivo, elevando esa velocidade aos 50 km/h fóra del” explican as nacionalistas. Segundo o BNG-Asembleas Abertas, unha parte importante das queixas que recibiron sobre esta vía débense “á instalación do radar móbil do Concello, en horario de fin de semana, nesa mesma vía, cun afán claramente recadatorio xa que non hai escolares aos que protexer dun tránsito excesivamente rápido nese momento”.

Por que motivo dispoñen aí o radar as fins de semana cando hai outros puntos con maior velocidade especificamente na fin de semana e máis perigosos para os peóns sobre os que actuar?”, interpelou o voceiro nacionalista. “Postos a recadar, sae máis barato que un axente da Policía Local a pé transite pola praza ou a rúa Travesa e a sanción por circular e estacionar nunha rúa peonil é maior”, ironizou.

O BNG propón elevar a limitación de velocidade na circunvalación fóra do horario lectivo