O BNG presentará unha moción demandando a retirada do canon bibliotecario

O BNG presentará unha moción demandando a retirada do canon bibliotecario

Henrique del Río intervén nun Pleno

“Non se pode facerlle pagar por ler á xente”. “O canon repercutirá negativamente na renovación dos fondos da biblioteca municipal Castelao”.

Betanzos, 24 de setembro de 2014. O BNG presentou unha moción en contra do canon bibliotecario que o goberno central do PP impuxo, e que que obriga ao pago polo empréstito a arquivos, museos e bibliotecas. Os nacionalistas denuncian que este canon, que exixe a Unión Europea, está pensado para países do norte de Europa “que contan cun sistema bibliotecario que foi sempre o espello no que mirarnos, pero que no caso das bibliotecas galegas só vai empeorar a súa situación precaria”.

Segundo o Bloque, este “imposto á cultura” fará recaer os pagos no Concello e “repercutirá negativamente na renovación dos fondos da biblioteca municipal Castelao”. “Esta medida é un claro ataque ás bibliotecas públicas, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo, e fai recaer o peso do pago sobre os concellos, que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións” denuncian os edís Del Río e Otero.

Os concelleiros nacionalistas denuncian que este canon é “un ataque ao dereito da veciñanza á lectura e ao acceso á cultura”. “Unha vez máis as políticas do PP prexudican a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos” denuncia o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“As bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de empréstitos son prexudicadas ao teren que achegar máis cartos por dar un maior e mellor servizo, feito que vai provocar unha rebaixa no seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo unha diminución moi importante das súas adquisicións” denuncian desde o BNG. “Chegaremos ao absurdo de obrigar as bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos empréstitos para que os concellos propietarios desa bibliotecas poidan pagar menos cantidade polo canon” advirte o edil nacionalista.

Desde o BNG advirten que este canon bibliotecario ven a sumarse á supresión e recorte nos programas de financiamento das bibliotecas municipais por parte da Xunta de Galiza e tamén ao desmantelamento de postos de traballo no sector editorial, que desde 2008 perdeu o 38% do emprego directo que xeneraba. “E isto sucede ao tempo que a compra de fondos está a padecer, como toda a actividade cultural, a suba do gravame do IVE cultural, até o 21%” denuncia Del Río.

“Non se pode facerlle pagar por ler á xente” advirten Henrique del Río e María Otero. “Cómpre defender a biblioteca entendida como espazo xerador de cultura coa participación activa das persoas usuarias” engaden e reclaman da Xunta un “impulso ás bibliotecas e a defensa do libro o e da cultura galega, do produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a toda a xente”.

Neste sentido, os nacionalistas reclaman que o Pleno do Concello se comprometa a defender a biblioteca municipal como espazo xerador de cultura e a garantir o orzamento axeitado para a compra de fondos.

O BNG presentará unha moción demandando a retirada do canon bibliotecario