O BNG pide que se mellore a seguridade en torno á saída do estacionamento soterrado os días de feira

O BNG pide que se mellore a seguridade en torno á saída do estacionamento soterrado os días de feira

O BNG nunha feira, de reparto

“O PSOE prometeu que ía levar a feira ás prazas do Casco Histórico pero a praza de Fernán Pérez de Andrade queda completamente baleira os días de feira, provocando que menos xente se achegue ao mercado municipal ese día”.

Betanzos, 16 de setembro de 2014. O BNG propuxo no Pleno mellorar a seguridade no desenvolvemento das feiras. “Varias persoas nos teñen indicado que se dan situacións de certo perigo os días de feira na saída do estacionamento soterrado do Campo” indicou a nacionalista María Otero. “Isto débese a que un dos postos que se instalan no Cantón de San Roque ocupa parte da saída do aparcamento, polo que os vehículos o abandonan con pouca visibilidade e as persoas que están en torno a este último posto tampouco poden ver ben a saída do estacionamento” abundou.

“Ao parecer algunha destas persoas mesmo trasladou esta circunstancia ao executivo local, ao parecer sen éxito” explican os nacionalistas, que reclaman do goberno local do PSOE que estreme a seguridade neste tipo de situacións. “Toda medida que se poida tomar para reducir os riscos sempre será pouca”, engaden desde o BNG.

Os nacionalistas preguntaron, ademais, ao goberno local sobre “que foi do plan de melloras e expansión da feira anunciado polo executivo local hai máis dun ano”. Ademais, reclamaron ao goberno local que aclare “por que motivo se mantén a praza de Fernán Pérez de Andrade practicamente baleira durante as feiras”. Para o voceiro dos nacionalistas, Henrique del Río, “estes postos supuñan un complemento perfecto os días de feira para a oferta de produtos do propio mercado”.

Desde o BNG lamentan que “a praza de Fernán Pérez de Andrade queda completamente baleira os días de feira, provocando que menos xente se achegue ao mercado municipal ese día”. Por este motivo Del Río reclama do executivo do PSOE que dea “marcha atrás na súa decisión e devolva á praza os postos nos días de feira para complementar o mercado”.

“O PSOE prometeu que ía levar a feira ás prazas do Casco Histórico e no caso desta praza está a facer xusto o contrario, baleirar unha praza que tiña unha especialización para a feira”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“As promesas e os anuncios que fan desde o goberno do PSOE sobre o Casco Histórico e o mercado quedan en evidencia despois con estas medidas”, advirte. “Esta é a maneira do PSOE de comprometerse co Casco Histórico e logo veñen con mocións hipócritas pedindo no Pleno que os demais se comprometan co que eles non fan”, denuncian.

O BNG pide que se mellore a seguridade en torno á saída do estacionamento soterrado os días de feira