O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola decisión da Xunta de convertir o colexio nun aulario

O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola decisión da Xunta de convertir o colexio nun aulario

O BNG presentou iniciativas contra o copago no Concello e no Congreso. Na foto, os voceiros do BNG en ambas institucións, Del Río e Jorquera.

Desde o BNG recordan que reconvertindo o novo colexio nun edificio auxiliar do CEIP Vales Villamarín “non se soluciona o problema de masificación do centro e aínda encima créanse outros”

O BNG reclamou o goberno local que se poña en contacto coa comunidade educativa, cos demais grupos políticos e co resto da veciñanza da comarca, que se vai ver afectada por esta decisión, para exixir conxuntamente da Xunta que dea marcha atrás e manteña o proxecto orixinal dun novo colexio en Betanzos

Betanzos, 23 de xullo de 2014. O BNG pedirá explicacións á Xunta no Parlamento pola reconversión do novo colexio de educación infantil nun simple edificio de aulas dependente do CEIP Vales Villamarín. Na súa iniciativa, os nacionalistas recordan que “o goberno galego, tanto nos orzamentos como nas sucesivas notas de prensa, falou practicamente sempre dunha ‘EEI’ ou ‘escola de educación infantil’- agás dúas veces que usou o termo ‘aulario’ para referirse ao centro e unha na que se referiu ao colexio en construcción como o ‘novo CEIP de Betanzos’”.

“Por que motivo, se tiñan decidido desde o inicio que o edificio fose un aulario, dilapidaron cartos públicos en dotalo de dependencias para o seu funcionamento como un centro autónomo, tales como gabinetes para a dirección, xefatura de estudos e secretaría, dependencias para as ANPAs, conserxería, etc”, interpelan os nacionalistas na súa iniciativa.

Desde o BNG recordan que reconvertindo o novo colexio nun edificio auxiliar do CEIP Vales Villamarín “non se soluciona o problema de masificación do centro e aínda encima créanse outros”. Os nacionalistas destacan que “entre un e outro centro hai un cruce cun tráfico moi elevado polo que pasan os vehículos de emerxencias do centro de saúde e mais a Garda Civil, entre outros”. Salientan, ademais, que os accesos entre ambos centros distan 400 metros, “o que obrigaría a dar paseos de case un kilómetro aos docentes que teñan que dar aulas en ambos os dous edificios”.

Reconvertindo o novo colexio nun edificio auxiliar do CEIP Vales Villamarín non se soluciona o problema de masificación do centro e aínda encima créanse outros

O BNG cuestiona, ademais, que a reconversión do novo colexio en aulario non foi comunicada de xeito oficial á comunidade escolar nin ao Concello. “Foi grazas a un comentario dun representante sindical como nos enteramos disto” explica o voceiro municipal do BNG, Henrique del Río. “Se non chega a haber un comentario casual, enterámonos de que o PP nos cambiou o novo colexio por un apéndice do vello cando comezase o curso”, denuncia.

No BNG cren que a Xunta tomou esta decisión unicamente en base a criterios económicos e sen ter presente que a súa decisión deteriora aínda máis o ensino público na comarca de Betanzos. “Por aforrar 108 000 euros ao ano no profesorado e demais persoal do novo colexio empeoran a educación dos cativos e cativas da comarca”, lamenta Del Río. “O PP gasta máis de millón e medio de euros en celebrar a visita de San Francisco a Compostela, pero para o ensino público non hai cartos”, censura.

O BNG reclamou o goberno local que se poña en contacto coa comunidade educativa, cos demais grupos políticos e co resto da veciñanza da comarca, que se vai ver afectada por esta decisión, para exixir conxuntamente da Xunta que dea marcha atrás e manteña o proxecto orixinal dun novo colexio en Betanzos. “Entendemos que temos que ser o conxunto da veciñanza a que reclamemos da Xunta que invista os nosos impostos nun ensino de calidade e neste sentido no BNG pensamos que se debera artellar unha resposta conxunta diante desta decisión”, concluíu Del Río.

Moción ao Pleno

O BNG tamén presentará unha moción ao Pleno que o Concello de Betanzos celebrará o vindeiro martes reclamando á Xunta que manteña como centro independente a nova escola de educación infantil.

O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola decisión da Xunta de convertir o colexio nun aulario