O BNG insiste en que se pinten frechas marcando o sentido do tránsito no Malecón

O BNG insiste en que se pinten frechas marcando o sentido do tránsito no Malecón

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

"Non hai día que dous ou tres coches circulen en sentido contrario ao resultar insuficiente a sinalización”

“Os cartos da campaña ‘Betanzos tan cerca’ podían pagar estas melloras, pero está visto que entre a seguridade da veciñanza e ordenar o tráfico ou a propaganda o alcalde e o PSOE optan polo segundo”

Betanzos, 24 de marzo de 2015. O BNG volveu insistir na necesidade de que o goberno local reforce a sinalización de tráfico no Paseo do Malecón, co pintado de frechas no pavimento que indiquen o sentido do tránsito. “Practicamente todos os días sae algún coche en sentido contrario, procedente de algunha das rúas que van dar ao Malecón”, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Xa houbo incluso algún accidente leve e nin con esas o goberno local fixo algo tan simple como pintar catro frechas na estrada, sinceramente non sabemos a que agardan” relata.

Desde o BNG recordan que xa levaron esta cuestión ao Pleno un par de veces, e que o goberno local comprometeuse a mellorar a seguridade viaria na zona. “Tan só cambiaron un par de sinais verticais tan deteriorados que nin se vían, pero máis nada”, engade o nacionalista. Todas estas suxestións, que os nacionalistas recolleron da veciñanza do barrio, buscarían “evitar situacións de perigo, pois segundo nos indican non hai día que dous ou tres coches circulen en sentido contrario ao resultar insuficiente a sinalización”, indica o edil do BNG.

“Non ten sentido colocar reflectores en todos os pasos de cebra do centro se logo non se sinaliza o sentido do tránsito onde, como os feitos demostran, non está claro cal debe ser”, engade Del Río.

Está visto que entre a seguridade da veciñanza e ordenar o tráfico ou a propaganda o alcalde e o PSOE optan polo segundo

O Bloque entende que “esta actuación non precisa dun desembolso de cartos importante”. “Trátase máis que nada dunha cuestión de vontade política por solucionar este problema” insiste o voceiro nacionalista, que considera que “case un ano despois de poñerlle solucións concretas enriba da mesa é obvio que o PSOE non ten vontade por solucionar este problema”. “Cando aconteza un accidente máis grave virán os lamentos e o anuncio de plans de mellora da seguridade viaria no Malecón pero semella que mentres iso suceda o goberno local non ten pensado cambiar nada”, cuestiona.

Os cartos da campaña ‘Betanzos tan cerca’ podían pagar estas melloras

“E mentres tanto, o goberno do PSOE malgasta os cartos que poderían destinar a esta mellora na seguridade viaria na Ribeira en rotular na Ponte Nova ou nas Cascas que está ‘Betanzos tan cerca’”, ironiza Del Río. “Está tan cerca que está aí, pero até iso dálles igual para estragar os cartos da veciñanza”, bromeou. “Está visto que entre a seguridade da veciñanza e ordenar o tráfico ou a propaganda o alcalde e o PSOE optan polo segundo”, conclúe.

O BNG insiste en que se pinten frechas marcando o sentido do tránsito no Malecón