O BNG fixo público hoxe un conxunto de propostas para facer fronte á dramática situación que vive o sector da hostalería en Betanzos

Estas propostas son a base para negociar e sentarse a falar de medidas concretas de apoio ao sector da hostalería que lle fixo chegar hoxe o grupo nacionalista ao PP, ao PSOE e a plataforma da hostalería de Betanzos

“É necesario que os distintos gobernos -municipal, galego e central- leven adiante políticas en beneficio deste sector, para que baixen os gastos fixos de mantemento destes negocios. Unhas medidas que compensen os peches encubertos e que impidan que eses peches se transformen en definitivos”

O BNG fixo público hoxe un conxunto de propostas para facer fronte á dramática situación que vive o sector da hostalería en Betanzos

Betanzos, 12 de febreiro de 2021. O BNG fixo público hoxe un conxunto de propostas para facer fronte á dramática situación que vive o sector da hostalería en Betanzos. “A dramática situación que atravesamos esixe deixar de lado posicións partidarias curtopracistas, e dedicar todas as enerxías a traballar por conseguir un acordo en todos os ámbitos, e con ese ánimo presentamos esta proposta”, explicou a portavoz do BNG Amelia Sánchez. “É necesario que os distintos gobernos -municipal, galego e central- leven adiante políticas en beneficio deste sector, para que baixen os gastos fixos de mantemento destes negocios. Unhas medidas que compensen os peches encubertos e que impidan que eses peches se transformen en definitivos”, engadiu. 

“O goberno local ten que resolver e abonar de inmediato as axudas á hostalería, comercio e autónomos que se aprobaron despois do primeiro confinamento pola pandemia do COVID, na primavera de 2020 e habilitar unha nova liña de axudas, en colaboración coas Deputacións e a Xunta, ou en solitario, para evitar o peche definitivo de moitos dos negocios que están sufrindo con toda a dureza as consecuencias da crise económica que deriva da crise sanitaria da pandemia provocada polo COVID”, indicou a portavoz nacionalista, “ ademais de renunciar ás subidas de taxas, como a da auga que propón o goberno local, xa que repercutirían directamente en dificultar aínda máis a situación destes negocios”. 

Ademais desde o BNG pediron que o goberno local inste á Xunta de Galiza, a administración competente en materia económica, a activar un Plan de Rescate  para a hostalería e o turismo que cubra o 70% das perdas polas restricións da pandemia e compatíbel con calquera outra axuda pública, como propuxo no Parlamento galego a pasada semana. “O BNG fixo unha proposta clara e contundente para dar resposta inmediata aos sectores económicos afogados como consecuencia da pandemia: plan de rescate con axudas á alemá, que compensen o 70% das perdas, e un plan de axudas negociado entre a Xunta, Concellos e Deputacións nos que as tres administracións fagan o mesmo esforzo orzamentario. Esta proposta non saíu adiante pola oposición do PP que aínda a pasada semana se negou a aprobar no Parlamento esta proposta”, explicou Sánchez.

O BNG pediu tamén que o goberno central actúe na medida das súas competencias, cunha liña de axudas compatíbel coas de outras administracións ademais de exonerar do pago das cotas de seguridade social aos autónomos do sector da hostalaría afectados polas restricións e tamén do pago as  cotas empresariais á Seguridade Social correspondente ao tempo do peche e ampliar até os 3 anos o período de carencia dos créditos ICO”, engadiu.

Por último o BNG propuxo instar ao goberno do estado a rebaixar a un 4% o IVE da enerxía eléctrica en lugar do 10% ou o 21% que lle ven aplicando, como xa propuxo o deputado nacionalista Néstor Rego. “Isto serviría como unha axuda directa para facilitar o pagamento da subministración nun momento de redución dos ingresos pola situación xerada pola pandemia de COVID-19, así como que se garanta que non se van producir cortes no subministro motivados polo impago”, engadiu Amelia Sánchez. 

Para o BNG estas propostas son a base para negociar e sentarse a falar de medidas concretas de apoio ao sector da hostalería que lle fixo chegar hoxe o grupo nacionalista ao PP, ao PSOE e a plataforma da hostalería de Betanzos. “Pedimos aos PSOE e ao PP, responsabilidade e altura de miras, que falen en base a propostas e solucións concretas para o sector e que deixen de lado intereses partidistas que non van axudar en nada a resolver a situación dramática que están vivindo as persoas que dependen directa ou indirectamente da hostalería en Betanzos”, concluíu a portavoz nacionalista. 

O BNG fixo público hoxe un conxunto de propostas para facer fronte á dramática situación que vive o sector da hostalería en Betanzos