O BNG denunciou o deterioro dos servizos da Biblioteca municipal

meli pequena
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos

O BNG betanceiro amósase preocupado pola redución do horario da Biblioteca Municipal Castelao. As nacionalistas interesáronse polo estado dos fondos donados pola famila López Golpe.

O BNG denunciou o deterioro dos servizos da Biblioteca municipal

Betanzos, 5 de novembro de 2020. O BNG de Betanzos amosou a súa preocupación polo recorte no horario da biblioteca municipal, que desde hai uns días só abre tres días en horario de mañá e dous en horario de tarde. “Estes horarios supoñen unha merma considerábel e dificultan a utilización das instalacións por parte das usuarias”, apuntou Sánchez.

En relación ao tema, as nacionalistas destacan as contradicións do goberno Barral: “mentres solicitan a outras administracións que contrate o persoal necesario para o correcto funcionamento dos servizos públicos, néganse a suplir a baixa laboral que motiva este recorte nos horarios da biblioteca Castelao”.

Doazón da colección de Olimpia López Golpe

Na mesma liña, o BNG trasladou ao pleno do Concello a inquedanza da familia de dona Olimpia López Golpe polo descoñecemento do lugar en que se atopan os fondos bibliográficos que esta cedeu á biblioteca municipal logo da súa morte.  Segundo explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “estes fondos están formados por varios miles de volumes de gran valor económico, cultural e histórico e non aparecen á disposición do público nas instalacións da biblioteca municipal Castelao”. 

As nacionalistas interesáronse polo lugar en que se atopan estes volumes e polo motivo polo que non foron debidamente catalogados e expostos na biblioteca como era a intención da finada cando os cedeu.

O BNG denunciou o deterioro dos servizos da Biblioteca municipal