O BNG demanda modificar o horario da OMIX para adaptalo ás necesidades da mocidade

O BNG demanda modificar o horario da OMIX para adaptalo ás necesidades da mocidade

Henrique del Río e Sara Matilla, de Galiza Nova

“Non ten sentido abrir esta infraestrutura xuvenil só en horario de mañá, cando a mocidade está maioritariamente en clases, excepto no verán”.

Betanzos, 25 de xuño de 2014. O BNG propoñerá no Pleno que a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) modifique o seu horario para abrir en horario de tarde. Segundo explican os nacionalistas na súa iniciativa, “a a causa do horario de clases e estudo, agás no verán, a mocidade só pode achegarse a este servizo en horario de tarde”.

Desde o BNG apuntan que “os recentes cambios no horario da OMIX levan a que abra como as dependencias estrictamente burocráticas dunha Administración”. Estes cambios teñen provocado queixas dun grupo de usuarios e usuarias, que o BNG recolleu e trasladará ao Pleno. Os nacionalistas entenden que “un servizo municipal cun público tan específico e definido como a oficina de información xuvenil ten que amoldar, na medida do posíbel, o seu horario ao da mocidade”.

Por este motivo, e exceptuando as vacacións do persoal, os nacionalistas demandan ao goberno local do PSOE que amolde o horario de atención ao público deste departamento ás necesidades dos seus usuarios. “Fóra do período de vacacións, a mocidade non dispón do horario de mañá para ir á OMIX en busca de información ou axudas”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Esta situación, segundo o BNG, leva a que “esta instalación pensada especificamente para dar resposta ás necesidades da mocidade está infrautilizada ou dedicada a outras tarefas”. Lamentan que co actual horario de apertura o executivo do PSOE “está relegando un segundo ou terceiro plano a información xuvenil que, ademais de lle dar nome a este servizo municipal, debera ser a razón de ser”.

Por este motivo os nacionalistas propoñerán amoldar o horario da OMIX ás necesidades da mocidade. “Non haberá que insistir en que a mocidade non dispón, fóra de vacacións, das mañás para xestións porque está en clases”, insiste Del Río.

O BNG demanda modificar o horario da OMIX para adaptalo ás necesidades da mocidade