BNG e asociacions culturais homenaxean a Antolín Faraldo e os Mártires da Liberdade

BNG e asociacions culturais homenaxean a Antolín Faraldo e os Mártires da Liberdade

martiresweb“Con este ciclo asumimos unha modesta parte dese traballo, un pequeno xesto de desagravio, mais Betanzos continúa a ter unha enorme débeda pendente coa figura de Antolín”. O ciclo “Viva a Revolución Galega de 1846!” comeza o venres coa presentación dun libro de poesía.

Betanzos, 10 de abril de 2014. Varias asociacións culturais e o Bloque Nacionalista Galego da comarca uniron os seus esforzos para organizar uns actos de homenaxe ao betanceiro Antolín Faraldo e a Revolución Galega de 1846, que rematou co fusilamento en Carral dos Mártires da Liberdade.

Os actos, coorganizados pola Asociación Cultural Eira Vella, a carralesa Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro, a Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal e o BNG comezarán este venres cunha presentación literaria. A cita, a partir das 20:00 h na Libraría Biblos, servirá para presentar o “Poemario dos Mártires” da man do seu autor, Mario Gallego Rei.

O ciclo, titulado “Viva a Revolución Galega de 1846!” e anunciado por unha versión do cadro “A Liberdade guiando ao Pobo” continuará o sábado ás 20:00 h no Cine Alfonsetti. Alí representarase a obra “Abril de Lume e Ferro”, escrita polo poeta Manuel María, pola asociación carralesa do mesmo nome. No espectáculo, para todos os públicos, pode participar calquera persoa que o desexe, se ben para reservarlle vestiario deberá poñerse en contacto coa organización.

A programación retomarase o sábado 26, data do fusilamento do comandante Solís e os seus oficiais en Carral. Desde as 20:00 h o Salón Azul do Edificio Arquivo acollerá unha conferencia sobre “Antolín Faraldo e a Revolución Galega de 1846” a cargo de Xosé Ramón Barreiro Fernández, expresidente da Real Academia Galega. Será presentado e introducido polo historiador Xesús Torres.

Con estes actos as entidades organizadoras buscan dar a coñecer e difundir a figura do betanceiro Antolín Faraldo. “En 2004 o Pleno do Concello acordou tributar unha homenaxe pública e poñer en valor da figura de Faraldo” explica o voceiro do BNG na localidade, Henrique del Río. “Nada se fixo así que con este ciclo asumimos unha modesta parte dese traballo, un pequeno xesto de desagravio, mais Betanzos continúa a ter unha enorme débeda pendente coa figura de Antolín”, explica.

O Pleno acordara tamén mudar a placa que figura no monumento a Antolín Faraldo por outra que estivese en galego e explicase por que motivos Faraldo ocupa un lugar no rueiro. “Tivo que acabar asumíndoo o BNG o pasado verán, nunha placa na que o historiador Xesús Torres condensou en apenas tres liñas a vida e obra de Faraldo ”, recorda o edil nacionalista, que lembra tamén que “nin o goberno do PSOE nin antes o do PP quixeron asumir tampouco a colocación do retrato de Antolín Faraldo na galería de honra da Sala Capitular do Concello”.

BNG e asociacions culturais homenaxean a Antolín Faraldo e os Mártires da Liberdade